O Barcelona gaña en Praga e achégase ao Top 8 (2-4)
O Slavia estivo por diante en dúas ocasións, pero acabou cedendo ante o poderío ofensivo blaugrana
Fermín, con dous tantos, Olmo e Lewandoski foron os goleadores do equipo catalán
@FCBarcelona_es
O Barcelona sumou unha traballada vitoria (2-4) en Praga ante un combativo Slavia e mantén vivo o obxectivo de conseguir o pase directo aos oitavos de final da liga de Campións, que podería certificar na última xornada da fase liga fronte ao Copenhague no Spotify Camp Nou.
O equipo catalán non saíu enchufado ao partido e os de Praga adiantaríanse no marcador nun saque de esquina mal defendido entre Balde e De Jong que aproveitaría o checo Kusej para adiantar o Slavia.
O Barça acusaba o gol e a baixa temperatura que facía en Praga e custáballe chegar á area contraria. Ata que apareceu Fermín para aproveitar un pase filtrado de De Jong e igualar o choque. Antes do descanso, de novo Fermín, cun disparo marca da casa, poñía por diante o Barcelona. Pero cando semellaba que o equipo culé iría ao intermedio con vantaxe no marcador, igualarían os de Praga, de novo nun saque de esquina, cun autogol de Lewandoski.
Na segunda metade os de Flick foron pola vitoria. Pese a lesión de Pedri pecharon na súa área ao equipo checo. Coa entrada ó terreo de xogo de Rashford e Dani Olmo melloraron as súas prestacións ofensivas e sería este último o que colocaría o 2–3 cun marabilloso disparo desde a frontal da área. Despois aparecería Lewandoski para anotar o cuarto tanto blaugrana aproveitando un bo centro de Rashford. Sería o tanto que pecharía unha importante vitoria do equipo culé que deberá certificar o seu Top 8 na última xornada da fase liga.