O autor do tiroteo en Texas escribira nas súas redes sociais a intención de facelo
O rapaz enviou por privado unha primeira mensaxe na que advertía que ía atacar a súa avoa
A de Texas é a segunda peor matanza nunha escola estadounidense

O autor do tiroteo que o martes deixou 19 nenos e dúas mestras falecidas nunha escola de Uvalde (Texas, EUA) alertou uns 15 minutos antes nunha mensaxe de Facebook que se dispoñía a disparar nun centro escolar, informou este mércores o gobernador do estado.
Nunha conferencia de prensa, o republicano Greg Abbott explicou que aproximadamente media hora antes do tiroteo, Salvador Ramos -como foi identificado o atacante- escribiu en Facebook que ía disparar contra a súa avoa.
Uns minutos despois, publicou outro texto en que dixo que xa disparara á súa avoa -que resultou ferida de gravidade-, e nunha terceira mensaxe, publicada un cuarto de hora antes da masacre na escola, indicou que se dispoñía a atacar un colexio.
Tras a palabras de Abbott, Meta matizou que non se tratou de mensaxes públicas, senón privadas, enviadas a outro usuario.
"As mensaxes que o gobernador Greg Abbott describiu foron privados, de usuario a usuario, e descubríronse despois de que ocorrese a terrible traxedia. Estamos a cooperar estreitamente coas forzas da lei na súa investigación", indicou en Twitter o portavoz de Meta Andy Stone.
The messages Gov. Abbott described were private one-to-one text messages that were discovered after the terrible tragedy occurred. We are closely cooperating with law enforcement in their ongoing investigation.
— Andy Stone (@andymstone) May 25, 2022
Doutra banda, o gobernador Abbott explicou que, ademais dos 21 mortos, hai 17 feridos por este suceso, tres deles axentes de Policía, aínda que non se teme pola súa vida. Tamén apuntou que se descoñece o motivo polo que abriu fogo contra compañeiros e mestras.
O gobernador texano tamén detallou que a arma usada por Ramos foi un rifle AR15, e que, polo que se sabe ata a data, o mozo non tiña antecedentes penais, nin un historial de problemas mentais.
O atacante foi abatido por un axente da Patrulla Fronteiriza de Texas.