O Atlético recupera a súa identidade na Liga de Campións
Eliminou o Manchester United logo do triunfo en Old Trafford co gol de Renan Lodi
O Atlético de Madrid recuperou en Old Trafford a súa "versión Champions" e conseguiu derrotar o Manchester United por 0-1 e meterse nos cuartos de final da gran competición continental.
A tarefa non era doada despois do empate do partido de ida. Pero o equipo de Simeone demostrou terlle tomada a medida ao torneo e tamén aos equipos ingleses. Hai dúas temporadas eliminaba ao Liverpool do mesmo xeito e hoxe tocoulle ao United.
A habitual solidez atlética, tan extrañamente ausenten na Liga, apareceu no céspede inglés. Traballo, solidariedade, non dar un balón por perdido... Outra vez recuperou Simeone a personalidade que caracteriza o seu euipo. Avisou João Félix, ao que lle anularon un gol por fóra de xogo anterior. Pero preto do descanso unha cabezada de Renan Lodi acabou por decidir a eliminatoria.
Na segunda metade o Manchester meteu toda a temperatura no forno pero foron incapaces de superar a defensa de tres que deseñou o técnico do Atlético e a un inspirado Oblak.
No outro partido dos oitavos de final tamén houbo sorpresa. O Benfica tiña que gañar en Amsterdam logo do 2-2 da ida e acadou o éxito grazas a un gol do uruguaio Darwin Núñez no minuto 77. Benfica e Atlético, dous segundos clasificados na fase de grupo que puxeron patas arriba os prognósticos da Liga de Campións.