O atestado di que o autor do atropelo múltiple da Coruña quería "causar o maior dano posible"
Case sete meses despois, a Policía Local acaba de remitirlle ao xulgado as súas conclusións
A TVG tivo acceso nas últimas horas ao informe sobre o suceso, que deixou sete feridos
As imaxes captadas polas cámaras de seguridade instaladas na zona amosan como o condutor que o 27 de agosto arremeteu contra a multitude que cruzaba pola praza de Mina acelerou cando o semáforo se abriu para os peóns e trazou unha traxectoria diagonal ata que se detivo bastantes metros máis adiante. Baixou cos brazos en alto e en ningún momento intentou socorrer a ningunha das vítimas.
Segundo o atestado que a Policía Local lle remitiu estes días ao xulgado que instrúe o caso, ao que tivo acceso a Televisión de Galicia, houbo sete feridos, a maioría con múltiples fracturas, traumatismos e contusións. O peor parado, un home de 75 anos que sufriu varios derrames cerebrais ademais da rotura de 8 costelas. Estivo máis dun mes na UCI.
O investigado, un veciño da cidade nado en Monforte hai 50 anos, deu negativo nas probas de alcohol e drogas. Recoñeceu na súa primeira declaración que pretendía chamar a atención. E máis tarde asegurou ter o cerebro controlado por unha mafia e que o coche estaba teledirixido. Permaneceu varios días na sala de Psiquiatría do hospital Marítimo de Oza, pero a conclusión dos investigadores é clara: o atropelo foi premeditado, buscaba causar o maior dano posible e por iso escolleu unha intersección céntrica e moi concorrida para actuar nun día con tempo despexado e boa visibilidade.