O Arenteiro conta as horas para a súa estrea na Primeira Federación
Os do Carballiño senten que poden competir con calquera
Esta fin de semana comeza a competición na Primeira Federación e aí, como debutante, estará o Arenteiro. Os do Carballiño pelexarán por manter a categoría. O Arenteiro comezará o campionato este sábado, no campo do Nástic.
Non será unha temporada doada. O Deportivo, un dos osos do grupo, deulles a medida no último amigable disputado antes do inicio da liga.
Álex Fernández: "Tres erros nosos foron goles do Deportivo. Mellor que pasen nun amigable para decatarnos que nesta categoría, quen comete erros, págaos".
O equipo sente que pode competir con calquera e esa é a súa predisposición antes de visitar o Nástic.
O Arenteiro vén de protagonizar unha temporada impresionante na Segunda Federación. Con grandes fazañas na liga e na Copa. Agora muda o guión, pero non as ganas.
Este sábado, ás nove e media da noite, o equipo do Carballiño escribe a primeira páxina dunha nova historia.