Publicador de contidos

Publicador de contidos

O apagamento reviviu transistores e acabou existencias de radios a pilas

O apagamento reviviu transistores e acabou existencias de radios a pilas

A interrupción eléctrica do 28-A disparou a venda de aparatos de radio a pilas e converteu ese medio en protagonista para a información

Numerosas tendas esgotaron existencias tamén de determinados formatos de baterías

Imaxe dunha comerciante de Lestedo, en Boqueixón, sintonizando un transistor a pilas este martes pola mañá
G24.gal 29/04/2025 14:13

O apagamento eléctrico deste luns e parte do martes supuxo unha volta ao clásico para informarse de que estaba pasando. Tamén para descansar da excesiva comunicación dixital.

"Sen teléfono nin WhatsApp nin nada foi un descanso. Informeime coa radio do coche. Informeime coa radio, coa Radio Galega. Toda a tarde coa radio do coche acesa", Lois Leal, veciño de Lestedo, onde non recuperaron a electricidade ata preto das nove desta mañá.

A radio conectada a batería e, sobre todo, o transistor a pilas recobraron protagonismo como medio de información. En consecuencia a demanda destes aparatos disparouse.

"Empezou pouco a pouco xa pola mañá, pero empezou a correrse o tema de que a radio era o medio en que se podía informar e empezaron a chegar... e baleirouse a estantería; unhas trinta ou corenta en toda a tarde", di Jorge, propietario de Electro Bermúdez.

E na mañá do martes continuaba a venda nas tendas con máis existencias. Outras xa quedaron sen produto o día anterior.

 "Posiblemente agora aumente a venda, porque a xente se deu conta de que ante unha situación deste tipo convén ter un paquete básico de urxencia que inclúa radio, lanterna...", augura Angel Manuel Abel, coadministrador de Ricardo.

En consecuencia, tamén se reactivou a venda de pilas de formatos pouco usados na era dixital, como a redonda mediana, como salienta Lita Cutrín, propietaria de Librería Lino:

 "Unha que se esgotou foi a R-14, creo que hai unha lanterna e radio que levan esa pila. É un modelo que se vende pouco, non tiñamos demasiadas e acabáronse pronto, claro".

 O último luns deste abril quedou no terreo da información como o día dos transistores no século XXI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade