Publicador de contidos

Publicador de contidos

O alcalde de Vilanova denuncia como atentado o intento de queimarlle o seu coche

O alcalde de Vilanova denuncia como atentado o intento de queimarlle o seu coche

Dixo que nos próximos días divulgará ademais imaxes sobre dous individuos que tentaron incendiar a súa casa

O alcalde está convencido de que os dous ataques teñen unha motivación política

Gonzalo Durán contratou uns detectives para reactivar a investigación dos dous sucesos

G24.gal 09/01/2023 20:12

O alcalde de Vilanova de Arousa Gonzalo Durán denunciou este luns un atentado para queimar o seu coche nun taller esta fin de semana.

Durán sospeita de que o autor é a mesma persoa que hai un ano e pico lle prendeu lume á súa casa.

O seu coche estaba aparcado no exterior dun taller de vehículos na zona de Corbillón, en Cambados, onde varios axentes da Garda Civil constataron que saía lume de debaixo do automóbil.

Ao inspeccionaren a zona, os axentes detectaron que había pastillas para prender lume e, á beira, unha garrafa con gasolina dentro.

"Hai dous criminais soltos", alertou o alcalde e sinalou a súa intención de divulgar nos próximos días imaxes captadas nun vídeo sobre dous individuos que tentaron incendiar a súa casa.

Gonzalo Durán asegura que se non as divulgou antes foi porque os axentes da Garda Civil lle recomendaron evitalo para "non prexudicar" a investigación.

Con todo, como non houbo avances na investigación, o alcalde cre axeitado difundir esa imaxes porque "son miñas e podo facer con elas o que me dea a gana".

Durán insiste en facer públicas estas imaxes "tamén pola miña responsabilidade como alcalde, que é velar pola seguridade de todos", convencido de que "quen ten este vicio", o de prender lume a propiedades, "vai volver facelo".

Tras reprochar aos investigadores que "non fixeron todo o necesario" por esclarecer este suceso, o alcalde mostrou a súa convicción de que os atentados teñen unha motivación política. "porque eu non teño problemas con ninguén", indicou.

O alcalde dixo que contratara unha empresa privada de peritos para examinar indicios de criminalidade e precisou: "Esa investigación págoa eu, Gonzalo Durán, non o Concello".

O rexedor asegurou que unha vez teña un informe coas conclusións por parte dos detectives contratados, presentarao ao Xulgado coa intención de renovar a investigación xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade