Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado confeso do crime de Elisa Abruñedo alega "disociación da realidade", pero négase a declarar

O acusado confeso do crime de Elisa Abruñedo alega "disociación da realidade", pero négase a declarar

"Sabía o que facía e quixo facelo", sosteñen a Fiscalía e as acusacións particulares 

Solicitan entre 32 e 37 anos de prisión e indemnizacións de ata 600.000 euros

G24.gal 16/06/2025 16:16 Última actualización 16/06/2025 20:42

O autor confeso da violación e asasinato de Elisa Abruñedo en Cabanas no ano 2013, negouse a declarar no xuízo.

Roger Serafín Rodríguez senta dende este luns no banco dos acusados da Audiencia Provincial da Coruña.

A súa defensa alegou que sufría unha "disociación da realidade" e que ao día seguinte cría que outra persoa cometera o crime.

A Fiscalía sostén que o procesado "sabía o que facía e quixo facelo". Recalca que a vítima non tivo posibilidade de defenderse, que sufriu unha agresión sexual "brutal" e que foi acoitelada "de forma repetitiva". O Ministerio Público solicita 32 anos de prisión: 12 por agresión sexual e 20 por asasinato, ademais dunha indemnización de 200.000 euros para os dous fillos da vítima.

As acusacións particulares, que representan a cada un dos fillos da vítima, piden 37 anos de prisión (12 por agresión sexual e 25 por asasinato). Reivindican tamén unha indemnización máis elevada: 300.000 euros para cada fillo.

Os seus letrados inciden na "memoria selectiva" do procesado e no feito de que durante máis dunha década fixo "vida normal". Argumentan que actuou con aleivosía e asañamento, aproveitando a hora e o lugar para atacar sen ser visto. Ademais, subliñan que arrastrou a vítima 17 metros por unha zona de vexetación densa, provocándolle un "sufrimento deliberado" e abandonándoa sen auxilio.

Un dos avogados explicou que a agresión tivo lugar cando o acusado regresaba dunha xornada de caza, o que reforza a tese dun ataque planificado. Ademais, defenden que existiu unha agravante de xénero.

A defensa admite os feitos pero rexeita os agravantes. Considera que se tratou dunha agresión sexual e dun homicidio, non dun asasinato. Pide "unha pena xusta" e argumenta que o ataque se produciu "á luz do día" e nun lugar transitado. Reitera que o acusado "disociou a realidade" e que cría que non fora el quen cometeu o crime.

Un crime sen resolver durante unha década

O crime ocorreu o 1 de setembro de 2013.

Segundo a Fiscalía, entre as 20:45 e as 21:00 horas, Roger Serafín viu camiñando a Elisa Abruñedo pola estrada provincial DP-1503. Parou o coche, abordouna por detrás, golpeouna na mandíbula e arrastrouna 17 metros monte a dentro, onde a violou e logo a acoitelou. A vítima morreu no lugar.

A Garda Civil non puido identificar o autor naquel momento, xa que a súa mostra de ADN non figuraba en ningún rexistro. A detención produciuse en outubro de 2023, tras obter unha nova mostra que permitiu a súa identificación. Foi arrestado no seu posto de traballo no estaleiro de Navantia Ferrol, onde traballaba como operario dunha empresa auxiliar. Tras a detención, confesou ser o autor dos feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade