A Xunta probará este martes e mércores as sirenas de emerxencia de 41 encoros
O simulacro sonoro incluirá máis de cen sirenas repartidas por todo o territorio galego
Participan Augas de Galicia, empresas concesionarias e os servizos de Protección Civil

A Xunta de Galicia fará este martes 17 e mércores 18 de xuño unha proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación asociadas a 41 encoros que contan con Plan de Emerxencia.
Activaranse máis de cen sirenas situadas en distintos puntos do territorio, pertencentes a concesionarias como Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal, Adelanta e Augas de Galicia.
Nas tarefas tamén participará persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como membros de Protección Civil dos concellos afectados e persoal da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Ademais, activaranse as catro sirenas do Plan de Emerxencia Exterior da balsa de lodos vermellos situada en Xove.
Segundo informou a Xunta, estas probas non afectarán a actividade diaria da veciñanza. As persoas residentes nas zonas onde o aviso sexa audible recibirán información previa sobre a proba e sobre as medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia real.