O accidente de Adamuz failles revivir aos veciños de Angrois o descarrilamento do Alvia
No sinistro do 24 de xullo de 2013, eles tamén foron os primeiros en socorrer os viaxeiros do tren
Non queren falar do que viviron porque procuran pasar páxina, pero ao ser un lugar de referencia din que llelo poñen difícil
A última hora da tarde do 24 de xullo de 2013, un forte estrondo sorprendeu os veciños de Angrois. O ocorrido este domingo en Córdoba fíxolles revivir o impacto daquel momento.
"Xa había cinco mortos e díxenlle ao meu marido vai haber moitos máis, vai pasar como aquí. E efectivamente, cando caeron eses vagóns, dixen eu: 'Meu Deus querido, como estará esa xente".
Non queren falar daquela experiencia. Din que no día a día tentan esquecer, pero que ao ser un lugar tan marcado pola traxedia fai que llelo poñan difícil. Ademais pasan por aquí os peregrinos e todos paran a preguntarche, di Pilar, unha das veciñas de Angrois, que se amosa moi conmocionada agora polo sucedido en Adamuz.
"Durante todos estes anos do que se tratou aquí foi de esquecer, de pasar páxina".
Desde a súa experiencia teñen moi presentes as vítimas de Adamuz, e piden ademais que a investigación non se complique tanto como a do descarrilamento de Angrois.
"Que as familias non o pasen coma aquí que ao cabo de doce anos aínda están tirando e non lles dan resposta, porque todo é correr, pero as cousas hai que facelas ben feitas, non o que fixeron aquí".
Case trece anos despois, en Angrois séguense renovando as referencias a traxedia do Alvia