A reconstrución da ponte na A-6 "levará tempo" e o tráfico estará cortado indefinidamente
Os responsables do Ministerio din que o derrubamento carece de "antecedentes" na historia da enxeñaría civil española
Entre as causas que se analizan está algún problema oculto na estrutura ou os traballos de reparación
Os técnicos seguen a revisar o viaduto por se hai mais danos na estrutura. Estudan o motivo polo que se esborrallaron os 50 metros do tramo do Castro que conecta por autovía a Meseta con Galicia,
O derrubamento no viaduto da A-6, din, carece de "antecedentes" na historia da enxeñaría civil española e puido deberse a algún problema oculto na estrutura que pasaría inadvertido no proceso de revisión da zona ou que se desencadearía como consecuencia dos traballos de reparación que se desenvolven desde hai aproximadamente un ano neste tramo que conecta Galicia e o Bierzo.
Estas son as primeiras conclusións provisionais expostas polo director xeral de Estradas Javier Herrero, que este mércores ofreceu unha conferencia de prensa xunto ao delegado do Goberno en Galicia José Miñones no centro de control de túneles de Pedrafita do Cebreiro despois de visitar a zona do derrubamento, rexistrado ás 10:30 horas deste martes.
O colapso, que afectou a un tramo duns 50 metros que permanece pechado desde hai un ano, acabou sen feridos e motivará o corte da circulación no viaduto lindeiro por un período de tempo indeterminado ata que as condicións de seguridade sexan verificadas, segundo trasladou Miñones.
O delegado do Goberno dixo que a intención é "garantir a seguridade, a circulación e acometer a reconstrución", pero para iso é necesario coñecer a causa do sucedido, algo que "levará tempo".
O viaduto levaba xa un ano en obras e ía abrirse en breve. Os traballos pra recompoñer a estrutura durarán tempo, a actuación é complicada e teñen que traballar a máis de mil metros de altitude. Non concretan prazos.
“Somos conscientes da importancia deste tramo, tanto para Galicia como para Castela e León: Imos traballar para ofrecer as mellores alternativas posibles. Paciencia, prudencia, porque os desvíos van prolongarse ao longo do tempo”, engadiu Miñones.
O responsable de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana explicou que durante o verán pasado se decretou o peche do viaduto despois de que fosen detectados altos niveis de corrosión no canleado da infraestrutura, cuxa reparación é responsabilidade dunha empresa galega "de referencia internacionalmente".
Así, defendeu que a actuación de Goberno e concesionaria foron as correctas e que o colapso puido deberse a un vicio na infraestrutura que non fora detectado até o momento ou que se desencadeou a consecuencia dos traballos. Con todo, pediu prudencia ata coñecer as causas dun suceso que, segundo Ferreiro, carece de antecedentes na historia da enxeñaría civil de España.
Deste xeito, avanzou que se van revisar todos os elementos da infraestrutura, incluídas as cimentacións sobre as que asentan todos os alicerces do viaduto, ademais de proceder a demoler o van do viaduto que está desprazado como consecuencia do derrubamento.