O 70 % dos contaxios concéntranse no sur de Galicia
As cidades de Ourense, Vigo e Pontevedra están en risco extremo
Sanidade recomenda limitar a 8 ou 10 persoas as reunións de Nadal
As cidades de Ourense, Vigo e Pontevedra están en risco extremo por covid. Os contaxios seguen concentrándose no sur de Galicia onde se detectan o 70 % das novas infeccións. Pero na área sanitaria ourensá, a primeira onde se disparou a transmisión, poderían estar tocando teito.
"Empezamos a percibir que o total de casos activos empeza a súa contención. As entradas empezan a verse compensadas polas altas epidemiolóxicas que temos a diario", explica o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.
Tamén a nivel xeral no conxunto de Galicia se albisca unha estabilización na taxa de contaxios.
"A razón de taxas segue sendo esperanzadora, pero tamén é certo que esta semana coa mobilidade xerada polas pontes festivas temos dúbidas de se a razón de taxas continuará esa tendencia", asegurou o conselleiro de Sanidade nun acto en Madrid.
E ante un aumento da mobilidade e da interacción social no Nadal a Xunta baralla recuperar algunhas medidas e recomendacións: os tests nos aeroportos e os grupos burbulla nas xuntanzas.
"Coa recomendación de limitar o número de persoas a un máximo de 8 ou 10, igual que na hostalería. Iso é o que estamos estudando agora", anunciou García Comesaña.
E o certificado covid, se a xustiza o avala, ampliaríase a cines, eventos masivos e actividades en lugares onde se poida comer e beber.