O 30 % dos fogares ourensáns abastécense con produtos de hortas familiares
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a porcentaxe caeu un 5 % desde 2015
Os propietarios das hortas apelan á confianza máis que ao aforro
Non fai falta saír moito de Ourense cidade para atopar hortas. Algunhas conviven en harmonía con torres de vivendas e sérvenlles aos seus habitantes de fonte de subministración. "Cebolas, patacas, allos, chícharos...", explica o propietario dunha horta en Rairo. "Fun dar un paseo, despois veño pola horta e fago algo. Así teño algo na casa", explica outro.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o 29 % dos fogares da cidade abastécense de produtos da horta, propia ou dos familiares, unha cifra que no resto da provincia ascende ao 50 %.
"Todo o que pos, xa non o tes que mercar. Se pos unha cebola, cómela e, se non, tes que a mercar", explica Xulio Manso, que ten unha horta a dous quilómetros de Ourense.
Así e todo, a cifra foi en descenso. En 2015, as hortas representaban un cinco por cento máis como fonte de abastecemento. A man de obra vai maior e hai pouco remuda. "Por onde queira que vas, está todo sen traballar, porque os novos marcharon do pobo", di outro veciño da zona.
O aforro, din, non é tanto, especialmente se se calcula o tempo dedicado, pero hai outras vantaxes: "Non se aforra moito, pero sabes o que comes. Se tes unhas galiñas, por exemplo, non é o mesmo comer os ovos da granxa que os da casa".
Os animais sustentan tamén esa economía de autoabastecemento valorada, máis que polo aforro, pola confianza que xera nos consumidores.