"Apadriña unha tella" para arranxar o teito da igrexa de Santiago das Caldas
"Apadriña unha tella" para arranxar o teito da igrexa de Santiago das Caldas
O párroco pon en marcha unha campaña de recollida de cartos para axudar a sufragar a obra do templo ourensán
Queren arranxar o tellado da igrexa de Santiago das Caldas, no barrio da Ponte, porque a auga que se filtra está a provocar humidades no teito e as paredes. Para conseguir o seu propósito puxeron en marcha a campaña "Apadriña unha tella" e semella que non foi mala idea.
"O problema é que este templo ten cen anos, cumpriunos precisamente na pandemia, o 28 de novembro do ano 20, e o tellado está sobre todo nalgunhas partes moi deteriorado e hai filtracións de humidade e nalgúns casos pingueiras. Entón estúdase a posibilidade de intentar renovar o tellado todo, que é unha obra moi importante e que esixe un investimento de diñeiro moi considerable, non?", explica Francisco Pernas, párroco de Santiago das Caldas.
De feito, precisan algo máis de 150.000 euros para facer a obra. A Deputación, a Xunta e o Bispado achegan parte dos cartos, arredor de 90.000. Agora piden a axuda dos veciños e fregueses para tentar completar o resto, e fano deste xeito, cunha campaña na que invitan a apadriñar unha desas tellas que tantos crebacabezas lles están a dar.
"Hoxe que está de moda apadriñar tantas cousas, apadriñar unha tella, ou dúas ou tres... cada un o que poida segundo as súas posibilidades, para que todos teñamos un espazo no que poidamos sentirnos a gusto e que sexa acolledor para todos", apunta o párroco, Francisco Pernas.
Gustaríalles comezar os traballos o antes posible para evitar que esas humidades acaben por afectarlle á estrutura do templo. Por iso seguen adiante coa súa campaña e semella que non vai mal. Grazas a ela e á xenerosidade dos fregueses conseguiron xa apadriñar nada menos que 20.000 euros en tellas.