Novos paros no transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña a partir deste luns
As vindeiras dúas semanas a folga paralizará os autobuses os luns, os martes e os venres
A partir do 2 de febreiro o paro será indefinido se non avanza a negociación do convenio colectivo
O sector do transporte de viaxeiros por estrada reivindica melloras nos salarios e nas condicións laborais
A partir deste luns haberá novos paros no transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña. As vindeiras dúas semanas, a folga paralizará os autobuses os luns, os martes e os venres.
Se nada cambia na negociación do convenio colectivo, a partir do 2 de febreiro o paro será indefinido. Algo que pode provocar molestias aos usuarios.
Ademais do aumento salarial, o sector do transporte de viaxeiros por estrada reivindica, entre outras demandas, a redución da xornada e a ordenación do tempo de traballo, a actualización dos permisos retribuídos e o recoñecemento da xubilación parcial.
A comisión negociadora denuncia que o convenio colectivo leva paralizado desde hai 4 anos e fala de "inmobilismo" da patronal.