Deciden retirarlle a orde de afastamento ao presunto acosador dunha moza de Sanxenxo
A Audiencia de Pontevedra aínda terá que acordar se se trata dun caso de violencia machista
A Audiencia de Pontevedra tomou a decisión de retirar a orde de afastamento contra o presunto acosador dunha moza en Sanxenxo porque entende que o auto do xulgado número 2 de Cambados non argumentaba correctamente a situación de risco obxectivo para a vítima.
A moza foi presuntamente acosada e ameazada polo que foi brevemente o seu noivo, que tamén supostamente a intentou atropelar co seu coche. O pesadelo da rapaza, e de toda a súa familia, agravouse cando a Audiencia Provincial decidiu retirarlle a este individuo as medidas de afastamento da vítima e prohibición de se comunicar con ela.
Tras unhas 20 denuncias, a decisión da Audiencia sorprendeu porque non é o máis habitual nestes casos. Agora ten que volver a pronunciarse sobre se o caso debe retomalo a Xulgado número 3 que é o especializado en violencia de xénero ou o número 2 que foi o de oficio ante quen recorreu o demandado.
A pesar de non estar en vigor a orde de afastamento a Garda Civil pode vixiar e monitorizar de preto unha situación coma esta e máis cando seguen a producirse a día de hoxe. As mensaxes anónimas leva algo de tempo rastrexalas, pero normalmente os resultados en forma de proba son concluíntes.
Mentres a Secretaría Xeral de Igualdade ofreceu o apoio da Xunta de Galicia á vítima ao tempo que mostrou o seu máximo respecto ás decisións e procesos xudiciais.