Noventa minutos para conseguir un pasaporte europeo
O Celta recibe este domingo o Raio Vallecano (19:00 horas, Agalegaaudio.gal) na penúltima xornada da Liga
Un punto dálle pasaporte para Europa e coa vitoria garante praza na Europa League
Serán os últimos noventa minutos da temporada en Balaídos. O campionato que recuperou a ilusión dos seareiros nun club que camiñou no fío do descenso as últimas campañas pero que nesta pode conseguir o fito de clasificarse para unha competición europea. O que quere toda a bancada é ter unha última celebración sen agardar ao que aconteza na última xornada en Xetafe.
O Celta ten as contas moi claras. Comeza o partido con catro puntos de marxe sobre o Raio e o Osasuna. Cun punto contra o equipo de vallecas garante un posto entre os oito primeiros do campionato. Só tería que mirar para o Osasuna para saber si a praza é de Europa League ou de Conference. Gañando o partido, algo moi habitual ao longo desta 24-25 en Balaídos, a derradeira tirada sería intrascendente. Chegaría ata os 55 puntos e ningún rival podería alcanzar esa puntuación co que o sétimo posto -e a praza en Europa League- quedaría matematicamente garantida.
A única novidade na convocatoria é o regreso do central zurdo Marcos Alonso que se perdeu o partido da Real Sociedade por sanción. Agárdanse trocos no equipo titular con relación ao do pasado martes logo dunha semana moi cargada de partidos.
Claudio Giráldez non agarda "nin medo nin relaxación nos seus xogadores. Pelexamos por un obxectivo moi bonito e imos ir a por todas". O adestrador apuntou as tres claves que entende como fundamentais para o bo rendemento na temporada: "Fútbol, unión e valentía", asegurou.