Nove veciños máis de golpe en Triacastela
A chegada dunha familia peruana dispara o censo deste concello lucense de 600 habitantes nun 1,5 por cento
A poboación de Triacastela aumentou de golpe un 1,5 por cento. Todo grazas aos nove membros dunha familia peruana que acaba de censarse neste concello lucense de só 600 habitantes. A primeira en chegar foi Keila León, quen axiña trouxo o seu home, os seus fillos, os seus irmáns e mais os seus pais.
"Trouxen o meu home, a miña irmanciña de 20 anos, que coida maiores, e o meu esposo anda na gandería. Sabían que viñamos traballar, na procura de algo mellor", sinala Keila.
"Regálannos patacas, ovos, repolos, verzas. Estamos moi agradecidos coa xente da comarca, que nos apoiou bastante", engade a súa parella, Júnior Sánchez.
Maior aínda foi o impacto na comunidade escolar do colexio de Triacastela, que tan só tiña 18 alumnos. A matriculación de tres novos rapaces supuxo todo un revulsivo para o centro.
"Non é o mesmo que se tiveses 150 alumnos. Para nós é unha inmensa alegría", subliña Alejandro González, director do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela.
"No curso de segundo eran catro, e agora pasan a ser cinco. Somos unha aula mixta, onde están xuntos os de infantil e primaria", explica a mestra María Armesto.
"No colexio pásoo moi ben. Ensínanme cousas, e tamén estou aprendendo moito galego e inglés, unha lingua que me gusta tanto que me emociona. Estou no meu colexio", afirma a nova alumna Mikaila Sánchez León.
No caso da escola, de feito, a chegada desta familia incrementou o alumnado ata un 17 por cento.