A cuarta xornada de folga paraliza o bus da provincia da Coruña na operación saída de Nadal
Entre as demandas dos traballadores están o aumento do salario, a redución da xornada laboral ou o recoñecemento da xubilación anticipada
Hai decretados uns servizos mínimos, pero non se están a cumprir, como xa pasou en xornadas anteriores
A cuarta xornada de folga no sector do transporte por estrada paralizou os autobuses da provincia da Coruña nun venres de operación saída de Nadal.
O responsable de CIG Transportes, Ernesto López Rei, explicou que este venres vívese un novo día de protestas con "tranquilidade" e "con seguimento maioritario como os tres días anteriores".
Os piquetes impediron que circulen autobuses nas principais estacións da provincia e de novo centos de pasaxeiros quedaron sen poder facer as súas viaxes. De feito, non permitiron a saída dos servizos mínimos do bus urbano de Santiago de Compostela.
López Rei explica que non houbo ningún avance a convocatoria de mediación do pasado xoves, xa que explica que as patronais "se levantaron e marcharon" coa "desculpa dalgunha incidencia que se produce en todas as folgas". Denuncia que abocan a negociación "a unha rúa sen saída".
O sindicalista da CIG advirte de que agora traballarán nun calendario con UXT e CC.OO. para "endurecer" as protestas, coa posibilidade de "contemplar" que acabe desembocando nunha folga indefinida.
A patronal levantouse da mesa tras acusar á parte social de ir ampliando as súas reivindicacións a medida que os empresarios fan ofertas e denuncia a violencia dos piquetes. Aínda que de momento non dan por rotas as negociacións.
Os traballadores demandan melloras salariais e de conciliación tras catro anos co convenio caducado. Reclaman unha redución de tempo de condución e limitación de xornadas que consideran abusivas.