Estacións de tren ata os topes e taxis traballando arreo pola folga de buses
Cuarta xornada de folga de buses na provincia da Coruña
Estudantes desesperados buscando o modo de volver á casa por Nadal
"Levo aquí na estación de Santiago un par de horas. Tiña pensado coller o bus das 10 a Vigo, pero encontreime con que hai folga xeral e nin servizos mínimos, así que, nada, creo que vou ter que agardar a ver se poden vir recollerme os meus pais porque o tren tamén, ata as 3 non hai ningún tren, todos completos, así que toca agardar", explica unha rapaza.
Esta é a realidade coa que se toparon moitos estudantes esta mañá. Algúns non sabían que hoxe era a cuarta xornada de folga do sector do transporte de pasaxeiros por estrada na provincia da Coruña
"Eu sóubeno vindo para aquí".
"Cheguei aquí e díxomo el, se non, nin idea".
"Eu acabo de sabelo agora mesmo que non teño bus para volver a Padrón, así que".
Así que toca buscar unha solución. Os que madrugaron tiveron tempo para reaccionar e coller un billete de tren
"Pillei o billete hai 20 minutos e non tiven ningún problema".
"Tivemos que coller este tren agora ao saír de clase porque non había outro e ademais tivemos que faltar á clase por iso".
Na estación de tren hoxe está sendo un día de moito movemento porque ademais de ser venres, os universitarios comezan as vacacións de Nadal. Mesmo os taxistas están superados de traballo
"Ao tope, ao tope, ao tope e máis", apunta un taxista.
Mentres moitos estudantes están xa de camiño á casa, outros agardan atopar unha solución. No ambiente respírase moita incerteza.
"Si, estou aquí vendo, pero non ten pinta que hoxe poida volver, a verdade".
"Non se sabe se hoxe vai haber algún así que ao mellor teño que quedar aquí".
"Pois volverei para a residencia".
"Nada, agardarei a mañá".
"Para volver para casa dependo disto, do bus, e non me queda outra que estar aquí agardando a que veña un e me poida levar a Negreira".