Nova folga en Renfe, os maquinistas convocan catro días de paros en marzo
Serán tres xornadas de folga de 24 horas os días 1, 4 e 12 de marzo e unha de paros parcias o día 6 do mesmo mes.
Denuncian o incumprimento dalgunhas cláusulas da Xornada e do Plan de Emprego do III Convenio Colectivo.
Renfe anunciou que xa contan coa autorización do Ministerio de Facenda e Función Pública para a reposición das prazas previstas.

O Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF) convocou catro xornadas de folga no Grupo Renfe para o próximo mes de marzo. Serán tres xornadas de folga de 24 horas os días 1, 4 e 12 de marzo e unha de paros parciais o día 6 do mesmo mes.
Os maquinistas denuncian o incumprimento dalgunhas cláusulas da Xornada e do Plan de Emprego do III Convenio Colectivo. Segundo recollen nun comunicado, a paralización do Plan de Emprego implica a interrupción de todos os procesos de recursos humanos do grupo, incluídas novas entradas mediante OPE, os movementos entre residencias e entre gráficos e o Plan de Desvinculacións e Xubilación Parcial.
O sindicato criticou: "Os responsables do grupo non son capaces de albiscar a activación dos procesos de Recursos Humanos ao ter desde os Ministerios de Transporte e Facenda conxeladas as autorizacións para a reposición do persoal".
Segundo informou este mércores Renfe, o grupo ferroviario xa conta coa autorización do Ministerio de Facenda e Función Pública. E explica que o acordo sobre a aplicación do Plan de Emprego recollía a convocatoria de novas prazas de maquinistas en función da taxa de reposición fixada, que "xa foi aprobada nesta semana".
Tras a autorización do Ministerio de Facenda e Función Pública, en Renfe precisan que "non existen motivos para esta convocatoria de folga, xa que se van convocar as novas prazas previstas".