Nova fin de semana de pelexas en Ourense
A veciñanza da zona dos viños din que as rifas son continuas
A Policía Nacional non ten denuncias relacionadas coas liortas desta fin de semana
A rúa Gravina foi escenario dunha das pelexas desta fin de semana en Ourense, na que un home resultou ferido, con varios cortes provocados, segundo as testemuñas, por unha botella rota. No chan aínda se podían ver hoxe restos de sangue.
Unha ambulancia achegouse para trasladar ao ferido ao hospital. Moi preto, noutra das rúas de copas da zona antiga, na rúa Luna, a policía local e a policía nacional acudiron a disolver unha rifa multitudinaria.
A veciñanza da zona de viños di que as liortas son continuas, e máis dende a reapertura do ocio nocturno tralo confinamento, que non poden durmir co ruído e que están fartos.
A Policía Nacional non ten denuncias relacionadas coas liortas desta fin de semana. Dende a Policía Local din que en Ourense esta non é unha situación alarmante, pero que agora cos vídeos nas redes sociais estas pelexas fanse virais.