Notifican un caso illado do mal das vacas tolas nunha explotación da Estrada
Notifican un caso illado do mal das vacas tolas nunha explotación da Estrada
"O bovino non entrou por tanto na cadea alimentaria, polo que non existiu ningún risco directo nin indirecto para a saúde pública", asegura a Xunta

A Consellería do Medio Rural notificou ao Ministerio de Agricultura a detección dun "caso illado" de encefalopatía esponxiforme bovina, da variante atípica, cepa tipo H, informou o Goberno galego nun comunicado.
O animal morreu na explotación, e o seu corpo foi trasladado ao centro de destrución de cadáveres autorizado, onde se lle tomou a mostra para diagnóstico.
"O bovino non entrou por tanto na cadea alimentaria, polo que non existiu ningún risco directo nin indirecto para a saúde pública", asegura a Xunta.
O bovino afectado, de 22 anos, é un animal de raza conxunto mestizo, que pertencía a unha explotación de carne do concello pontevedrés da Estrada.
O resultado positivo foi confirmado polo Laboratorio de Algete (Madrid).
Conforme ao programa oficial de vixilancia desta enfermidade, os servizos veterinarios realizaron a correspondente investigación epidemiolóxica, "comprobando que non existían outros animais vivos que compartisen ningún risco co animal afectado, polo que non é posible a aparición de novos casos vinculados a este foco, que por tanto se considera resolto".
O último foco declarado de encefalopatía esponxiforme bovina en Galicia foi tamén un caso illado, no ano 2019, no concello coruñés de Ortigueira.