Destacan o potencial do rural galego para as vivendas eficientes
As casas pasivas poderían reducir o consumo de enerxía a un euro por metro cadrado ao ano
Construír con conciencia, diminuír o consumo de enerxía aumentando o confort ou utilizar materiais de proximidade para reducir a pegada de carbono. Son algunhas das premisas da filosofía das casas pasivas. Todos os axentes do sector -promotores, arquitectos, deseñadores e demais especialistas- reúnense en Santiago, por primeira vez en Galicia, para celebrar o seu congreso anual.
No encontro preséntase novos materiais e sistemas de illamento. Ese concepto, o de illar, conseguir un compartimento estanco e ben selado, é uno primeiro piar para unha casa pasiva.
O segundo son os recuperadores de enerxia: conseguen boa temperatura, unha demanda de enerxía mínima e un elevado nivel de ventilación, confort e saúde.
"É un sistema de renovación de aire, mecánico, que o que fai é filtrar o aire exterior cando o mete dentro do edificio, e evitar perder a calor do aire que xa utilizamos usándoo para climatizar o que entra", explica Arturo Andrés, presidente da Plataforma Edificación Passivhaus.
Na plataforma aseguran que ante a crise enerxética é unha boa opción rehabilitar con estas técnicas as vivendas menos eficientes.
"En Galicia temos moitísima vivenda abandonada e que teñen moito potencial porque teñen estrutura de madeira e pedra, e todas estas construcións, cos principios do 'passivhaus' pódense rehabilitar perfectamente", engade a delegada de Galicia da Plataforma Edificación Passivhaus, Marta Trigás.