Nace un negocio para as autocaravanas no Camiño
Unha empresa de nova creación dá servizo aos peregrinos que fan o Camiño nestes vehículos
Cando tiña 33 anos, Silvia fixo o Camiño de Santiago canda o seu mozo e o seu cadeliño.
Ía na súa caravana e, segundo nos conta, tivo dificultades para poder acceder a servizos como duchas, estacionamentos seguros ou espazos dotados coas infraestruturas que precisan as viaxes nestes vehículos.
Así foi como se lle ocorreu crear unha empresa destinada a ofrecer solucións aos peregrinos que viaxen así.
Silvia estudou Empresariais. Hai uns meses participou nun coworking en Palas de Rei, e aí foi onde callou a idea empresarial. Agora chegan os primeiros clientes.
Pilar está facendo o Camiño canda o seu pai. Ambos só lle atopan vantaxes a esta empresa de nova creación, xa que lles facilita moito facer o Camiño na autocaravana.
Para crear o servizo, Silvia usa as infraestruturas que xa existen no Camiño e encárgase de organizalas e tamén do transporte dos peregrinos a principio de cada nova etapa.
Silvia puxo a rodar o negocio en temporada baixa para, cando cheguen os meses fortes do 2023, poñer en funcionamento e poder ofrecer novas experiencias e novas rutas.