Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sae adiante Jesús, o bebé nado da primeira muller transplantada de útero en España

Sae adiante Jesús, o bebé nado da primeira muller transplantada de útero en España

O transplante realizouse en 2020

Tras  dous intentos de embarazo, lograron que fructificara un embrión conxelado da nai 

O bebé naceu o pasado marzo, por cesárea e prematuro

A nai e o pai, Tamara e Jesús, co bebé na presentación no Hospital Clínic de Barcelona
EFE 22/05/2023 13:12 Última actualización 22/05/2023 21:41

O pequeno Jesús converteuse no primeiro bebé nado en España dunha muller transplantada de útero, nun procedemento longo e complexo que levou a cabo o Hospital Clínic de Barcelona cunha finalidade esencialmente reprodutiva.

"Foi un proceso moi duro á vez que moi bonito e a pesar de todos os riscos mereceu a pena", destacou este luns a muller transplantada, Tamara Franco, na conferencia de prensa de presentación deste innovador procedemento, en que participou o conselleiro de Saúde, Manel Balcells, e o equipo médico do Clínic.

O camiño comezou en 2015, cando o Clínic obtivo permisos de comités de ética e do Departamento de Saúde para levar a cabo un programa experimental para transplante de útero en cinco casos con síndrome de Rokitansky, que son mulleres que nacen sen útero nin trompas de Falopio, pero si con ovarios.

A primeira elixida foi Tamara, quen, empuxada polo seu desexo de ser nai desde pequena, someteuse en outubro de 2020 a unha cirurxía de 20 horas para o transplante do útero que lle doou a súa irmá.

Aos dous meses, á paciente veulle a regra, un primeiro sinal de que o procedemento funcionara, explicou o xefe de Servizo de Xinecoloxía do Clínic, Francisco Carmona.

O seguinte obxectivo era que quedase embarazada, algo que tamén se logrou o pasado setembro, tras máis dunha transferencia de embrións e un aborto.

No embarazo, Tamara sufriu unha preeclampsia, unha complicación que comporta aumento da presión arterial posiblemente derivada da medicación que toma para evitar o rexeitamento do útero transplantado.

Como se lle practicaron numerosos controis durante a xestación, o equipo médico puido controlar a preeclampsia ata os sete meses de xestación, cando induciron un parto con cesárea, que tivo lugar o pasado 10 de marzo, sen complicacións.

A pesar de nacer prematuro con pouco máis dun quilo, Jesús evolucionou correctamente durante o seu ingreso na UCI neonatal e, unha vez alcanzou os 3,2 quilos de peso e os seus pulmóns maduraron, xa foi dado de alta, así que el e os seus pais xa poden regresar á súa casa, en Murcia.

Como o útero ten unha función esencialmente reprodutiva e a paciente expresou que non quere ter máis fillos, Carmona explicou que se procederá a retirarlle o órgano transplantado, para evitar que teña que seguir para sempre tomando medicación para evitar o rexeitamento.

Debate ético

Ao ser un procedemento levado a cabo pola sanidade pública, non exento de riscos para a doante e a receptora e cunha finalidade reprodutiva, Carmona admitiu que poida haber "un debate ético", algo que ve "positivo".

Neste sentido, lembrou que este caso recibiu a aprobación dos comités de ética do mesmo hospital e de Cataluña.

Tamén subliñou que houbo previamente outros casos no mundo, onde xa se levaron a cabo máis de 100 transplantes de útero e naceron máis de 50 nenos, o que "dá unha idea do tremendo éxito desta técnica".

Neste sentido, o doutor Carmona considerou que podería aplicarse xa a outras indicacións, como mulleres con factor de infertilidade uterino absoluto, ben porque non teñen o órgano desde o nacemento, non funciona correctamente ou porque o perderon por enfermidade (como o cancro), co fin de ir avanzando e algún día poder pasar "da investigación á práctica clínica".

Sobre cando se podería dar este salto para que esta intervención sexa aceptada na práctica clínica dun centro sanitario para casos determinados, o conselleiro de Saúde mostrouse cauto: "Todo debe seguir os seus pasos de avaliación e cando teña que ser, será", expresou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar