Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren tres persoas en dúas escolas do Brasil nun ataque a tiros dun exalumno

Morren tres persoas en dúas escolas do Brasil nun ataque a tiros dun exalumno

O agresor, de 16 anos, levaba unha cruz esvástica na roupa e confesou o crime tras ser arrestado

O agresor captado pola cámara dun dos centros
G24.gal 26/11/2022 09:56 Última actualización 26/11/2022 17:41

O autor do ataque a tiros sucedido este venres en dúas escolas do Brasil, onde morreron tres persoas e once resultaron feridas, era un exalumno dun dos centros educativos, que recibe atención psiquiátrica e levaba unha cruz esvástica na roupa no momento do ataque.

O agresor, de 16 anos, confesou o crime cando foi arrestado pola Policía, pero de momento non explicou o motivo do tiroteo, segundo relataron as autoridades nunha rolda de prensa.

O ataque ocorreu na cidade de Aracruz, no estado de Espírito Santo, cun balance de tres falecidos, dous profesores e un neno, e once feridos, catro deles en estado grave.

O mozo foi alumno da escola Primo Bitti, un dos centros educativos atacados, ata o mes de xuño, momento en que cambiou de colexio, por motivos descoñecidos polas autoridades.

Para cometer o crime utilizou unha pistola semiautomática propiedade do seu pai, un axente de Policía, e un revólver.

No seu relato, o atacante dixo que planificou o crime durante dous anos e disparou a discreción, "sen un branco definido", segundo dixo o secretario de Seguridade Pública rexional, Márcio Celante.

O gobernador de Espírito Santo, Renato Casagrande, asegurou na mesma rolda de prensa que o mozo ten un "problema de saúde mental" polo que recibe atención psiquiátrica.

Esvástica na roupa

Tamén desvelou que levaba unha esvástica na roupa de camuflaxe que vestía no momento do ataque. As autoridades investigan se pertence a algún grupo nazi.

"Isto mostra como a cultura de violencia está presente nalgunhas persoas, e desafortunadamente nalgúns mozos", salientou.

O mozo foi á escola no automóbil do seu pai, entrou na escola Primo Bitti rompendo o cadeado da porta traseira, foi á sala de profesores e abriu fogo contra os mestres, que estaban nunha pausa entre clases.

Despois foi ao Centro Educacional Praia do Coqueiral, un colexio privado na mesma avenida, e disparou contra varios nenos, e despois fuxiu, pero foi arrestado horas máis tarde nunha casa da familia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade