A Ertzaintza busca o autor do asasinato a tiros dun taxista en Azpeitia, xa identificado
O asasino fuxiu no mesmo coche co que arremeteu contra o taxi da vítima, antes de dispararlle á cabeza
A Policía vasca rexistrou este mércores, sen resultado, a vivenda do sospeitoso, así como outros dous inmobles
Un amplo dispositivo policial busca o autor dos disparos que acabaron coa vida dun taxista de 30 anos en Azpeitia. A Ertzaintza ten xa identificado o presunto autor do crime tras atopar o coche que utilizou para arremeter contra o taxi e conseguir que a vítima baixara do vehículo.
Nese momento, segundo testemuñas presenciais, disparoulle polo menos cinco tiros e fuxiu do lugar no mesmo coche.
Os investigadores estarían estreitando o cerco do presunto asasino, pero o rexistro do seu domicilio e doutra vivenda onde sospeitaban que podía estar agochado, resultaron infrutuosos. Tamén peitearon unha zona comercial e industrial na súa procura.
Un gran número de axentes accederon ao domicilio do presunto autor da morte do mozo, nun edificio de vivendas situado xunto aos citados pavillóns, e rexistraron a casa, segundo fontes da investigación.
Momentos antes das tres da tarde os axentes abandonaron a o domicilio do sospeitoso e, alén deste rexistro, inspeccionouse, polo menos, outra vivenda da localidade.
O crime produciuse na noite do martes e causou unha fonda consternación. O falecido era unha persoa moi coñecida na vila guipuscoana. Ademais de polo seu traballo como taxista era DJ en salas de festa da zona. Polo momentro descoñécese tamén o móbil do crime.