Morren dous irmáns en Lugo intoxicados por fume na súa vivenda
A faísca que provocou o lume puido orixinarse nun enchufe en mal estado
Dous irmáns residentes en Vilar de Meilán, en Lugo, apareceron mortos tras declararse un incendio no interior da súa casa. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas policiais, que atoparon os corpos dos falecidos dentro da vivenda no medio dunha fumareda.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Un deles estaba sentado e outro deitado. Primeiro ventilouse para que saíse o fume, comprobaron que non había perigo e constataron que estas dúas persoas estaban falecidas".
Un curtocircuíto, motivado por unha deficiente instalación eléctrica, puido ser a orixe das lapas, que á súa vez provocarían o monóxido de carbono que se cre que inhalaron as vítimas ata a súa morte. A policía investiga agora as causas do suceso.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "A instalación eléctrica non estaba en condicións óptimas, o que puido provocar un curtocircuíto. Había un colchón cerca, e a súa combustión puido producir tanto fume como para provocarlles a morte ao inhalalo".
Os cadáveres dos dous irmáns, de 48 e de 54 anos, foron trasladados ao HULA para practicarlles a autopsia.