Dous directivos españois de Siemens e os seus tres fillos morren nun accidente de helicóptero en Nova York
Dous directivos españois de Siemens e os seus tres fillos morren nun accidente de helicóptero en Nova York
Catro dos seis falecidos no sinistro morreron no intre, e os outros dous nun hospital
O helicóptero caeu en picado varias decenas de metros tras aparentemente perder a cola e estrelouse contra as augas do Hudson
Unha familia de españois faleceu ao estrelarse un helicóptero no río Hudson, en Nova York. As seis persoas que ían a bordo morreron cando o helicóptero se precipitou ao río Hudson preto do baixo Manhattan na cidade de Nova York. A falta de confirmación oficial da embaixada española, os falecidos son un directivo de Siemens, a súa muller e tres fillos e mais do piloto.
É a familia de Agustín Escobar, natural de Puertollano (Cidade Real), que foi nomeado responsable da división de mobilidade ferroviaria en Siemens o pasado decembro, despois de ocupar o posto de CEO de Siemens España durante dous anos.
A súa esposa, Mercè Camprubí Montal, ocupaba a dirección de Comercialización Global en Siemens Energy e pertencía a unha coñecida familia de Barcelona. O seu irmán Joan foi candidato en 2024 a presidir o F. C. Barcelona, e tanto o seu avó, Agustí Montal i Costa, coma o seu bisavó, Agustí Montal Galobart, foron presidentes deste club de fútbol.

"Estamos profundamente entristecidos polo tráxico accidente de helicóptero no que Agustín Escobar e a súa familia perderon a vida. O noso máis sentido pésame a todos os seus seres queridos", sinalou un portavoz de Siemens.
O alcalde, Eric Adams, confirmou que non houbo sobreviventes no accidente e que se trataba dunha familia e un piloto de España, e especificou que había dous adultos e tres nenos entre os pasaxeiros, ademais do piloto.
O helicóptero pertencía a unha empresa turística chamada New York Helicopter Tours, que ofrece visitas panorámicas de Nova York desde o ceo. O director executivo da empresa, Michael Roth, dixo a ese medio estar "devastado" e agregou: "Non vin nada así nos 30 anos que levo no negocio dos helicópteros".
Levaba 15 minutos de voo
Segundo o rastrexo da aeronave en Flight Radar, no momento do accidente o helicóptero (un Bell 206) levaba 15 minutos de voo e 6 quilómetros percorridos.
O aparello saíu do heliporto de Downtown Manhattan, dirixiuse cara ao sur antes de voar cara ao norte ata a ponte George Washington e despois volveu ir cara ao sur seguindo a costa de Nova Jersey, cando perdeu o control á altura de Hoboken.
A nave estrelouse ás 15:15 hora local dun día con temperaturas moi baixas (ao redor de 5 graos centígrados), e, segundo as imaxes filtradas por varias televisións, pódese ver un helicóptero sen as aspas, coa cola partida, caendo estrepitosamente ao río.
A caída estrepitosa do helicóptero á auga mobilizou mergulladores do corpo de bombeiros e da Policía de Nova York e da veciña Nova Jersey. Recuperaron catro cadáveres, mentres que as outras dúas persoas faleceron posteriormente no hospital.
O presidente do Goberno Pedro Sánchez transmitiu unha mensaxe de condolencia.
Las noticias que hoy nos llegan del accidente de helicóptero en el río Hudson son devastadoras.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) April 10, 2025
Cinco españoles de una misma familia, tres de ellos niños, y el piloto han perdido la vida. Una tragedia inimaginable.
Acompaño en el dolor a los allegados de las víctimas en este…
O presidente Donald Trump, expresou o seu pesar polo "terrible accidente" dun helicóptero que se estrelou este xoves nas augas do río Hudson, en Nova York, no que perderon a vida cinco españois e o piloto.
"Terrible accidente de helicóptero no río Hudson. Parece que seis persoas, o piloto, dous adultos e tres nenos, xa non están connosco. As imaxes do accidente son horribles. Deus bendiga as familias e amigos das vítimas", escribiu o mandatario na súa conta de Truth Social.
Trump tamén asegurou que o secretario de Transporte Sean Duffy e o seu persoal estaban a traballar niso e que pronto darían máis detalles sobre o ocorrido.
Polo menos 32 persoas morreron en accidentes de helicóptero en Nova York desde 1977; o máis recente, en 2019, cando un helicóptero utilizado para viaxes executivas chocou contra o teito dun rañaceos de Manhattan nun espazo aéreo restrinxido e o piloto morreu.
Trátase, polo número de vítimas, do peor accidente deste tipo desde 2018, cando morreron cinco dos seis ocupantes dun helicóptero que despegara de Nova Jersey e caeu ás augas xeadas do East River, o outro río que baña Manhattan.