Morre un mozo tras saírse da vía co seu vehículo en Boiro
Unha vez liberado, os profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida
Durante a madrugada deste domingo en Boiro un varón, veciño da Pobra, duns 25 anos saíuse da vía co seu vehículo, tirando unha farola e chocando contra unha árbore. Unha vez liberado, os profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida.
Pasados dez minutos das 06:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia deste accidente. O alertador relataba que vira dende a súa casa un coche saírse da vía, na AC-305, quilómetro 25, á altura do número 153 da rúa Principal, en Boiro.
A vítima era o condutor e único ocupante do vehículo.
🔴 #AXEGAInforma dun accidente mortal en Boiro.
— 112 Galicia (@112Galicia) May 17, 2026
📍 AC--305, quilómetro 25
➡️ Saída de vía dun turismo caído por un terraplén. Falecido o condutor e único ocupante do vehículo, que tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Boiro.
🔗 https://t.co/k2bwxgd4rp pic.twitter.com/bZbsbFl4i8
O particular explicou que no interior do vehículo había un home que asemellaba estar ferido de gravidade, que o coche chocara contra unha árbore nun terraplén, e que ao mesmo tempo o suxeitaba para non caer ao río.
Emerxencias avisou de inmediato ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, de Ribeira, á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal de mantemento da vía.
Os Bombeiros de Boiro excarceraron e confirmaron o falecemento do único ocupante do vehículo.