Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre Mikhaíl Gorbachov, derradeiro presidente da URSS e pai da perestroika

Morre Mikhaíl Gorbachov, derradeiro presidente da URSS e pai da perestroika

O arquitecto dos cambios máis alá da cortina de ferro faleceu aos 91 anos tras unha longa enfermidade 

O home que quixo cambiar a Unión Soviética e acabou cambiando o mundo

G24.gal 30/08/2022 22:47 Última actualización 31/08/2022 08:25

O último mandatario da URSS e pai da perestroika, Mikhaíl Gorbachov, faleceu este martes en Moscova á idade de 91 anos.

"Esta tarde tras unha longa e grave enfermidade faleceu Mikhaíl Gorbachov", dixeron fontes do Hospital Clínico Central á axencia RIA Nóvosti.

Segundo a axencia TASS, Gorbachov será soterrado no cemiterio de Novodevichy de Moscova. Alí están os restos de destacadas personaxes da historia de Rusia e tamén está a tumba da súa esposa, Raísa.

Gorbachov levaba anos afastado do foco mediático debido a problemas de saúde.

Mikhaíl Gorbachov procedía dunha familia de labregos ruso-ucraínos do sur de Rusia. Ascendido a novo secretario xeral do Partido Comunista en 1985, con 54 anos, axiña deu mostras do seu estilo, que non gustaba ós máis ortodoxos.

De perfil conciliador, era partidario da negociación antes ca do illamento e do diálogo antes cás armas e defendía construír pontes con Occidente, onde o admiraban ao consideralo un líder moderno que acabou coa división no mundo e co Telón de Aceiro.

Recoñéceselle un papel fundamental na caída do muro de Berlín e na reunificación de Alemaña, e en forxar os acordos de redución de armamento con Ronald Reagan, o seu inimigo declarado. 

O seu papel foi clave para modernizar a extinta e outrora poderosa Unión Soviética. Defensor da chamada 'glasnot' e da perestroika, é dicir, da apertura, da transparencia e das reformas económicas, co que foi cimentando a base económica dunha nova Rusia máis aberta ao mercado internacional e á liberdade de empresa.

Iso levouno a ser moi criticado polos nostálxicos do réxime que interpretaron este aperturismo como o final dunha etapa de grandeza. Pero tamén o criticaron os que urxían reformas máis contundentes. Por iso era impopular na casa, culpábano do debilitamento da economía. 

Recoñecido pola comunidade internacional, que en Occidente o apodaba 'Gorbi', o vello comunista recibía o premio Nobel da paz en 1990. Un ano máis tarde, un grupo de comunistas conservadores secuestrábano e intentaban dar un golpe de Estado. Un episodio que fortaleceu a figura do seu rival, Boris Yeltsin. 

A carreira de Mikhaíl Gorbachov culminou en 1991, cando dimitiu tras o acordo de disolución suscrito con Bielorrusia e Ucraína, meses antes de que se disolvera oficialmente a Unión Soviética. 

Condolencias e recoñecemento da súa figura

As reaccións á súa morte chegan de todo o mundo. O presidente ruso Vladimir Putin, con quen mantiña unha distancia política importante, expresou as súas condolencias pola morte do ex líder soviético. A presidenta da Comisión Europa, Ursula von der Leyen, recoñecíao como un líder confiable e respectado que abriu o camiño para unha Europa libre. Para Antonio Guterres, Gorbachov foi un home de Estado que cambiou o curso da historia.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, nun comunicado, aseguraba que era un home cunha visión extraordinaria. Asegurou que tiña a imaxinación para ver que un futuro diferente era posible e a coraxe para arriscar toda a súa carreira para logralo. "O resultado foi un mundo máis seguro e máis liberdade para millóns de persoas", afirmou Biden.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, destacou este mércores que Mikhaíl Gorbachov, "contribuíu de forma decisiva a terminar coa Guerra Fría e facer de Europa, e do mundo, un lugar con máis paz e liberdade".

A través da súa conta na rede social Twitter, Sánchez transmitiu as súas condolencias aos familiares e amigos de Gorbachov, así como ao pobo ruso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade