Publicador de contidos

Publicador de contidos

Moldova sofre cortes de luz masivos polos bombardeos en Ucraína e convoca o embaixador ruso

Moldova sofre cortes de luz masivos polos bombardeos en Ucraína e convoca o embaixador ruso

A presidenta moldava Maia Sandu escribiu en Facebook que "Rusia deixou a Moldavia na escuridade"

G24.gal 23/11/2022 17:48

O Ministerio de Exteriores de Moldavia convocou o embaixador de Rusia en Chisinau, Oleg Vasnetsov, tras os cortes masivos de electricidade ocorridos en gran parte do país como consecuencia dos bombardeos rusos contra a infraestrutura enerxética da veciña Ucraína.

"O ministro de Exteriores, Nicu Popescu, solicitou con urxencia que se convoque (...) o embaixador de Rusia en Moldavia, para expresar a enérxica protesta do noso país en relación co bombardeo de obxectivos de infraestrutura civil en Ucraína que provocou cortes de electricidade", informou a diplomacia moldava en Telegram.

Segundo Exteriores, "o brutal bombardeo de Rusia a Ucraína segue tendo consecuencias dramáticas no noso país".

O ministerio enviou ademais "instrucións urxentes" aos xefes das misións diplomáticas moldavas "para informar os nosos socios sobre o grande impacto desta situación".

"A diplomacia de Chisinau sinala que Moldavia permanece ao lado do mundo libre e esta guerra debe ser detida canto antes", engadiu Exteriores.

A presidenta moldava Maia Sandu escribiu en Facebook que "Rusia deixou a Moldavia na escuridade" e indicou que todas as institucións do Estado estaban a traballar para restaurar a subministración da electricidade.

De acordo con medios locais, a luz volveu esta tarde parcialmente á capital moldava e outras cidades, pero non a zonas rurais.

O Exército ruso lanzou este mércores unha nova onda de ataques contra a infraestrutura enerxética ucraína, que afectou a instalacións en Kíiv e outras cidades do país.

Rusia centrou os seus ataques nas últimas semanas en golpear as infraestruturas ucraínas e o país comezou a padecer severos problemas nas redes de abastecemento de auga, gas e electricidade xusto no inicio do inverno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade