Publicador de contidos

Publicador de contidos

Moito máis que irmandades que portan imaxes

Moito máis que irmandades que portan imaxes

As oito confrarías de Viveiro, algunhas con máis de 700 anos, suman uns 3.700 membros

Procesión do Encontro, na praza Maior de Viveiro
Félix Aragunde 28/03/2026 15:30

As oito confrarías de Viveiro fan posible que a súa Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional, conserve a súa esencia. Encárganse de organizar uns 40 pasos, repartidos nunha quincena de procesións principais. As máis antigas datan da Idade Media, como a Venerable Orde Terceira, con máis de 700 anos de antigüidade, ou a Confraría do Santísimo Rosario. Tocante ao resto de irmandades, a maioría foron creadas a mediados do século XX, e a máis recente, a Confraría da Misericordia, só conta cun par de décadas de historia. 

"Saímos en procesión por vez primeira en 2007, convidados pola Confraría do Prendemento. Incorporabámonos na praza Maior e faciamos parte do percorrido con eles. A partir de 2011 xa temos a nosa propia procesión, con dúas imaxes, o Ecce Homo e a Virxe da Clemencia", relata Manuel Rey, secretario da Confraría da Misericordia. 

Unha das irmandades, a das Sete Palabras, está de aniversario. Esta Semana Santa fai 75 anos, e para celebralo a súa directiva decidiu recuperar o sermón que lle dá nome a esta confraría. 

"O Venres Santo ás doce e media da mañá, como viña sendo habitual ata os anos 60. Despois celebrouse na igrexa de San Francisco. Para conmemorar o 75 aniversario, o seu era sacalo á rúa e facelo na praza", sinala Eduardo Lago, Irmán Maior da Real Irmandade das Sete Palabras. 

Especialmente singular é a Irmandade da Santa Cruz, formada por un milleiro de mulleres. Fundada nos anos 50, dende 2003 as súas integrantes participan como portadoras en diversas procesións da Semana Santa viveirá. 

"Aínda que a confraría e a procesión eran de mulleres, as andas levábanas homes. No 50 aniversario decidimos que toda a confraría se valese de mulleres, para portar as candeas, o estandarte ou as andas. E iso foi bo, porque non nos tiñan moito en conta, e hoxe admírannos moitos dos que pensaban que non iamos estar á altura", subliña Mari Carmen López 'Chipe', Irmá maior da Irmandade de Mulleres da Santa Cruz. 

Para ser confrade é preciso aboar unha cota anual de entre 15 e 20 euros. Así e todo, agás as dúas confrarías máis antigas, as irmandades están abertas a todo o mundo que queira participar nos seus pasos, incluso a persoas non crentes ou mesmo doutros credos. O único que piden é respecto á hora de tomar parte nos actos.

"Aquí están as portas abertas Somos cristiáns, e o que temos que facer é abrir portas, non pechalas. Entón toda a xente que veña con toda a boa vontade e toda a boa fe, non lles pedimos identificación nin crenza relixiosa nin nada. Quere participar? Temos os hábitos das confrarías, vístese esa persoa e ve a Semana Santa dende dentro, que é un concepto diferente", explica José Luis Couceiro, Irmán maior da Confraría do Santísimo Cristo da Piedade. 

Entre as oito confrarías de Viveiro, suman unha lista de espera dunhas 800 persoas. Algunhas proceden incluso do outro extremo da Península, o que dá idea da paixón que esperta a Semana Santa da meirande vila da Mariña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade