Modric, o xogador con máis títulos na historia do Real Madrid, anuncia o seu adeus
O croata chegou en 2012 e participou na época dourada europea do club madrileño, con 6 Ligas de Campións no seu palmarés e 28 títulos en total
O croata Luka Modric, capitán do Real Madrid, non seguirá no equipo branco despois do Mundial de Clubs. Anunciouno o propio xogador este xoves polo que o deste sábado diante da Real Sociedade será o derradeiro partido no Santiago Bernabeu.
"Chegou o momento que nunca quixen que chegara pero así é o fútbol e na vida todo ten un comezo e un remate" escribiu Modric nas súas redes sociais.
Modric chegou ao Real Madrid en 2012 procedente do Tottenham. Foi unha petición de José Mourinho. Non fixo tanto ruído como outras fichaxes "galácticas" pero o seu rendemento está fóra de toda dúbida. Deixa o club como o futbolista con máis títulos na súa historia, con 28 no seu palmarés. 6 Ligas de Campións, 6 Mundiais de Clubs, 5 Supercopas de Europa, 4 Ligas, 2 Copas do Rei e 5 Supercopas de España. En 2018 recibiu o meirande premio individual que pode acadar un xogador, o Balón de Ouro.