Publicador de contidos

Publicador de contidos

Moderna denuncia a Pfizer e BioNtech por "infrinxir" a súa patente na vacina da covid

Moderna denuncia a Pfizer e BioNtech por "infrinxir" a súa patente na vacina da covid

A farmacéutica defende que nin Pfizer nin BioNtech tiñan a experiencia necesaria nesta tecnoloxía para desenvolver a vacina

Moderna di que en 2020 se comprometou a non reclamar os seus dereitos sobre as patentes relacionadas coa covid-19 mentres continuase a pandemia

G24.gal 26/08/2022 16:01

A farmacéutica Moderna presentou unha denuncia contra as compañías Pfizer e BioNtech, ás que acusa de infrinxir a patente sobre ARNm que a compañía presentou entre 2010 e 2016 como parte do desenvolvemento da tecnoloxía de ARNm, empregada na recente vacina contra a covid-19.

"Presentamos estas demandas para protexer a innovadora plataforma de tecnoloxía de ARNm na que fomos pioneiros, na que investimos miles de millóns de dólares para a súa creación e que patentamos durante a década anterior á pandemia de covid-19", asegurou hoxe nun comunicado o director executivo de Moderna, Stéphane Bancel.

Segundo Moderna, a estadounidense Pfizer e a alemá BioNtech, que desenvolveron unha vacina propia contra o coronavirus empregando tamén a tecnoloxía de ARNm, "copiaron ilegalmente os inventos de Moderna e seguiron usándoos sen permiso".

"Moderna cre que Pfizer e BioNTech copiaron dúas características clave das tecnoloxías patentadas de Moderna que son fundamentais para o éxito das vacinas de ARNm", recolle o comunicado, que afirma que ambas as compañías carecían do nivel de experiencia necesario para o desenvolvemento de vacinas baseadas en tecnoloxía de ARNm cando se iniciou a pandemia de coronavirus en 2019.

A empresa con sede en Massachusetts (nos Estados Unidos) argumenta que en outubro de 2020 comprometeuse a non reclamar os seus dereitos sobre as patentes relacionadas coa covid-19 mentres continuase a pandemia.

Con todo, sostén que en marzo de 2022 actualizou este compromiso asegurando que non esixiría ningunha reclamación nos 92 países considerados de baixos e medios ingresos polo programa COVAX da Organización Mundial da Saúde e pola fundación GAVI.

Na nota, Moderna argumenta que a partir de marzo deste ano, "cando a loita colectiva contra a covid-19 entrou nunha nova fase e a subministración de vacinas deixou de ser unha barreira para o acceso en moitas partes do mundo, a compañía "esperaba que empresas como Pfizer e BioNTech respectasen os seus dereitos de propiedade intelectual e considerarían unha licenza comercialmente razoable en caso de solicitala para outros mercados".

Moderna subliña que coa súa denuncia non busca a retirada de "Cominarty", nome comercial da vacina contra o coronavirus desenvolvida por Pfizer e BioNTech ou compensacións polas vendas nos 92 países onde o programa COVAX se comprometeu a axudar na distribución da vacina.

Así mesmo, precisa que as súas reclamacións limítanse ao período posterior a marzo de 2022.

A compañía, que apunta que presentou senllas denuncias nos Estados Unidos e en Alemaña, non ofrece detalles sobre as compensacións económicas que esixe a ambas as compañías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade