Minuto de silencio na Coruña en recordo de Juan Tábara na carreira C10
Os seus amigos e a súa familia reclaman máis seguridade para evitar novas traxedias
O recoñecido oftalmólogo coruñés faleceu golpeado por unha lancha en Sanxenxo
Juan Manuel Tábara, o oftalmólogo coruñés que faleceu o Venres Santo golpeado por unha lancha cando nadada nas augas de Silgar, era un gran deportista, asiduo ás carreiras populares da súa cidade. Hoxe botárono moito en falta na Coruña 10, que gardou un minuto de silencio no seu recordo e reuniu moitos dos seus compañeiros e amigos.
Na saída da carreira tamén estivo parte da familia Tábara. Os achegados de Juan Manuel manteñen a esperaza de que a súa morte represente un antes e un despois en materia de seguridade marítima.
O reloxo GPS co que nadaba a vítima certifica que foi golpeado dentro da zona de baño, a menos de douscentos metros da costa, un espazo no que, segundo recolle a normativa, as embarcacións non poden superar os tres nós de velocidade. Varias testemuñas presenciais declararon que a lancha, un modelo de alta competición, navegaba a gran velocidade. Pilotábaa un veciño de Sanxenxo de 34 anos, investigado por un delito de homicidio imprudente.