Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miguel Corgos: "En 2025 poderase desgravar o 15% dos libros e do material escolar"

Miguel Corgos: "En 2025 poderase desgravar o 15% dos libros e do material escolar"

O conselleiro de Facenda  e Administración Pública  afirma que as familias que cumpran os requisitos de renda poderán acollerse a unha dedución de 105 euros por fillo.

Miguel Corgos subliña que Galicia é a comunidade que paga máis axiña aos provedores, nun prazo inferior aos 12 días.

O titular de Facenda acusa o Goberno de paralizar o resto das Administracións por non contar con orzamentos nin obxectivos de estabilidade.

G24.gal 31/05/2025 20:43

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, lembra que para acollerse á dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar hai que contar cunha renda per cápita  de entre 10 mil e 30 mil euros.  Outro dos requisitos é non ter recibido axudas para libros de texto ou material.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Corgos  sinalou que as familias que reúnan  as condicións  poderanse beneficiar desta nova dedución na declaración da renda que realicen o ano que vén, xa que comezará aplicarse no curso 2025-2026.

"Sería bo que todos gardásemos os tickets dos libros e do material de inicio de curso porque se pode desgravar o 15% das contías efectivamente gastadas"

O titular de Facenda tamén fixo balance do primeiro ano da rebaixa do 8 ao 3% do Imposto de Transmisións Patrimoniais para a compra de vehículos de segunda man. Segundo Miguel Corgos, a medida beneficiou máis de  92 mil  galegos.

"Á parte do aforro, permitiu a remuda dun parque móbil cunha antigüidade de máis de 16 anos por vehículos máis novos e máis seguros, o que non é unha cousa menor"

Miguel Corgos asegurou que a Xunta aínda ten marxe para máis rebaixas fiscais. 

"Cando temos cubertos os servizos fundamentais é cando decidimos aplicar algunha dedución que alivie os galegos  para manternos como un territorio competitivo no que a xente estea contenta de vivir por esa mestura entre os servizos que recibe e a carga tributaria que ten que soportar"

Na entrevista da Radio Galega, o conselleiro de Facenda  afirmou que España foi o país no que máis aumentou a presión fiscal no período comprendido entre 2019 e ata 2023, só por detrás de Chipre e Lituania.

Pagamento a provedores 

O titular de Facenda e Administración Pública  asegurou que o pagamento a provedores "é unha das nosas prioridades". Neste senso explicou que a Xunta traballa con 90 mil provedores, principalmente pequenas e medianas empresas.

"Pechamos o mes de marzo como a comunidade que paga máis axiña aos provedores, cun prazo de 12 días. Somos o número un. Estamos dez días por debaixo da media das comunidades e 18 días por debaixo do límite máximo de 30 días que fixa o regulamento"

Miguel Corgos engadiu que acadar este prazo non é sinxelo nun contexto sen orzamentos e sen a actualización das entregas a conta  que  supoñen o 80% dos presupostos anuais da comunidade.

"A falta de liquidez fainos recorrer a liñas de crédito para pagar tan axiña aos provedores, o que lles supón un custo mensual en xuros  a todos os galegos de 1,5 millóns de euros".

O conselleiro de Facenda acusou o Goberno de paralizar o resto de Administracións ao non actualizar o seu financiamento.

"Temos o nivel  de ingresos de hai dous anos, o que non ten ningún sentido. Aínda que o Goberno non sexa quen de aprobar os orzamentos isto poderíase ter actualizado en xaneiro a través dun decreto lei".

Corgos augurou que de cara ao ano que vén este problema agravarase.

"Os obxectivos de estabilidade non foron aprobados. O Goberno mudou a lei  para que só tivesen que ser aprobados polo Congreso (e non polo Senado) e tampouco consegue aprobalos"

O titular de Facenda lamentou que a estas alturas do ano aínda non se coñeza o déficit máximo co que as comunidades deben elaborar os seus orzamentos. Con todo, sinalou, a Xunta traballa xa na elaboración das contas de 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade