Melloran a sinalización das fervenzas máis espectaculares do Courel
Son cinco saltos de auga nos ríos Selmo e Quiroga, entre os que se encontra a ruxidoira de Vieiros, con 35 metros de caída
Con caídas de auga de ata 35 metros de altura, as fervenzas do Xeoparque Montañas do Courel supoñen todo un espectáculo para os sentidos. Co fin de facilitar o acceso a este patrimonio natural, dende o consorcio de turismo da Ribeira Sacra impulsouse a mellora da sinalización das principais ruxidoiras, todas localizadas no concello de Quiroga.
"A xente demandaba que se sinalizase dende Quiroga, algo por outra parte lóxico. Saes de Quiroga e agora empezas a atopar os sinais que che indican onde están as distintas fervenzas. Fíxose grazas a unha achega do plan de sostibilidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra", sinala Ramón Vila, técnico de cultura do Concello de Quiroga.
Os cinco saltos de auga agora sinalizados corresponden aos ríos Selmo e Quiroga. Xuntos, conforman unha Ruta das Fervenzas que se pode percorrer ao longo dunha xornada.
"Sempre, todas estas fervenzas teñen unhas contornas espectaculares. E tamén as ofrecemos moitísimo polo verán porque na maioría delas hai boas zonas de baño", engade Ramón Vila.
Segundo un estudo publicado recentemente, o Xeoparque Montañas do Courel conta nada menos que con 325 fervenzas.