Mellora a situación dos incendios; o da Fonsagrada é o que máis complica a extinción
Os efectivos contra o lume lograron controlar todos os incendios declarados nos últimos días, agás o que se declarou o martes na parroquia de Monteseiro, na Fonsagrada, onde van ardidas unhas 120 hectáreas
Este venres logrouse dar por extinguido o incendio de Vilardevós, na parroquia de Terroso, que levou por diante 578 hectáreas

O incendio que desde o martes queima os montes da parroquia de Monteseiro, na Fonsagrada, é o único que nestes momentos non está estabilizado ou controlado. Afecta unhas 120 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
Os restantes incendios declaráronse controlados, incluídos catro nos que esta semana se declarou a situación 2: o da parroquia de Xaviña, en Camariñas, que queimou 50 hectáreas; o de Corme Aldea, en Ponteceso, que arrasou 60 hectáreas; o de Salceda de Caselas, na Picoña, que devorou 80 hectáreas; e o das Neves, na parroquia de San Pedro de Batalláns, que queimou 50 hectáreas.
Tamén baixo control está outro que se produciu en Ponteceso, na parroquia de Brantuas; outro máis na Fonsagrada, na parroquia de Cereixido; e o último que se controlou foi o da parroquia do Freixo, nas Pontes de García Rodríguez.
Finalmente, este venres logrouse dar por extinguido o incendio de Vilardevós, na parroquia de Terroso, que levou por diante 578 hectáreas, e que tamén fixo que hai seis días se declararse a situación 2.