Medran as usurpacións de identidade cando facilitamos o carné de identidade
Cómpre tapar os datos sensibles porque nos poden endosar ata multas
Desde que o uso de Internet é masivo están a medrar de xeito exponencial os delitos de usurpación de identidade. Cómpre ter moito coidado de a quen lle facilitamos o noso DNI e os expertos dannos varios consellos moi importantes: tapar datos sensibles como data de caducidade e sinatura e mesmo dalo en branco e negro ou poñerlle unha marca de auga indicando para que motivo o facilitamos.
Ocorre todos os días e cada vez máis. Escaneamos o DNI ou mandámolo por WhastApp. Pero ten riscos, e moitos. O penalista José Carlos Novoa tivo que defender un mozo que facilitou o DNI para unha oferta laboral dun coñecido portal e acabaron usándoo para abrir unha conta nun banco.
Adoitan ser procesos longos e complicados porque, neste caso, o primeiro denunciado é o dono do carné real. Se nos pasa isto, o primeiro que temos que facer é denunciar na Policía ou na Garda Civil, e no caso das multas que nos endosan e que non son nosas, tentar acreditar que nós non estabamos ese día nese coche e nese lugar.
Ademais, todos deberiamos tomar certas precaucións cando facilitemos o carné.
É importantísimo tamén confirmar que os enderezos electrónicos ou os teléfonos son das entidades que nos din.