Publicador de contidos

Publicador de contidos

Crime de Coia: as primeiras hipóteses apuntan a un posible axuste de contas por tráfico de drogas

Crime de Coia: as primeiras hipóteses apuntan a un posible axuste de contas por tráfico de drogas

O detido regresou esta tarde ao lugar dos feitos para a reconstrución 

Supostamente matou un veciño disparándolle dúas veces na cara

O detido no lugar dos feitos
G24.gal 07/04/2024 00:03 Última actualización 07/04/2024 23:00

O detido polo crime de Coia, no concello de Vigo, volveu este domingo ao lugar dos feitos nun coche policial. Estivo uns minutos no interior da casa durante a reconstrución do acontecido.

Supostamente, a pasada noite matou un veciño, de 57 anos, tras dispararlle cunha escopeta dúas veces na cara. O arresto do presunto autor de 54 anos foi rápida, unhas horas despois do tiroteo. 

A investigación avanza e os axentes atan cabos. As declaracións que se foron tomando nas últimas horas, xunto coas probas e as armas recollidas, apuntan cara a un axuste de contas relacionado co tráfico de drogas.

Residentes na rúa de Abaixo, unha zona de vivendas unifamiliares, escoitaron as detonacións contra as once da noite. Dúas veciñas foron as primeiras en acudir en auxilio da vítima. Trataron de reanimalo ata que chegaron a Policía e o persoal sanitario, que só puido certificar a súa morte.

Imaxes do Faro de Vigo

Segundo tiroteo nunha semana

Este crime acontece só unha semana despois doutro presunto axuste de contas a tiros en Tui. A vítima, un mozo de 25 anos, segue ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro onde o operaron de urxencia por un disparo no abdome que tiña orificio de entrada e saída.

O mozo acudiu primeiro ao hospital do Meixoeiro e, desde alí, levárono nunha ambulancia medicalizada ao Cunqueiro. Non quixo dar detalles do suceso. 

Crime en Lavadores

Tamén esta semana, no barrio vigués de Lavadores, unha muller de 71 anos morreu acoitelada, supostamente, polo seu irmán, de 63. O presunto autor continúa hospitalizado con custodia policial, na unidade de Psiquiatría do Álvaro Cunqueiro.

O xuíz prorrogou o seu arresto porque non estaba en condicións de declarar. O home levaba desde 2015 curatelado pola Fundación para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica, dependente da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade