Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un novo ataque masivo ruso contra Ucraína acende as alarmas en Polonia

Un novo ataque masivo ruso contra Ucraína acende as alarmas en Polonia

Moscova lanza 50 mísiles e 500 drons en todo o país e golpea con dureza Zaporiyia e Leópolis

Polonia e a OTAN activan os seus cazas para garantir a seguridade do espazo aéreo

Volodímir Zelenski pide de novo un cesamento do fogo aéreo e máis protección

Estrada cuberta cunha rede antidrons en Kostiantynivka. Serhii Nuzhnenko vía REUTERS Estrada cuberta cunha rede antidrons en Kostiantynivka. Serhii Nuzhnenko vía REUTERS
G24.gal 05/10/2025 09:52 Última actualización 05/10/2025 11:27

Rusia atacou esta noite con máis de 500 drons e uns 50 mísiles toda Ucraína, do leste ao oeste, e golpeou con especial dureza Zaporiyia, onde faleceu unha persoa e outras dez quedaron feridas, e a rexión de Leópolis, onde morreron polo menos catro.

En Zaporiyia, os bombardeos afectaron tres distritos da cidade e destruíron oito edificios de varios andares, oito vivendas privadas e varios inmobles non residenciais.

Más de 73.000 aboados quedaron sen electricidade e máis de 290 sen subministración de gas, xa que o ataque danou as tubaxes gasísticas e tiveron que cortar ademais a subministración no edificio de varios pisos.

En Leópolis tamén parte da cidade quedou sen electricidade, de acordo coo alcalde, Andrí Sadoví. Ademais, rexistráronse varios incendios, entre eles nun parque industrial.

O ataque comezou no leste e, aos poucos, estendeuse tamén polo centro e o oeste de Ucraína. O mapa das alertas da Forza Aérea inclúe, entre outras rexións, Kíiv, Sumi, Cherníguiv, Cherkasi, Vinnitsia, Odesa, Khárkov, Zhitómir, Mykoláiv, Rivne, Zaporiyia, Jmelnitski, Leópolis, Ivano Frankivsk.

En Vinnitsia, a vicexefa da Administración Rexional Militar, Natalia Zabolotna, deu conta dun ataque contra unha instalación industrial civil. En Cherníguiv, os drons suicidas golpearon unha empresa e unha instalación enerxética, polo que se produciron cortes de luz.

Alerta en Polonia

Como consecuencia do ataque masivo, Polonia e os aliados da OTAN activaron esta noite de novo a alerta, como adoita facer habitualmente desde o inicio da guerra en 2022, para garantir a seguridade do espazo aéreo.

O Mando Operativo das Forzas Armadas de Polonia informou na súa conta da rede social X que puxo en marcha os procedementos necesarios para poñer en estado de máxima alerta os avións polacos e aliados, así como os sistemas de defensa antiaérea e recoñecemento de radar.

Estas medidas, de carácter preventivo, teñen por obxecto garantir a seguridade do espazo aéreo e a protección da cidadanía, especialmente nas zonas próximas a Ucraína. 

O operativo polaco e aliado durou case cinco horas, o mesmo que o bombardeo ruso. As Forzas Aéreas de Países Baixos axudaron a Polonia cos seus cazas F-35.

Fumareda en Lviv tras o ataque ruso desta noite. REUTERS Fumareda en Lviv tras o ataque ruso desta noite. REUTERS

Cesamento do fogo

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, pediu este domingo de novo "un cesamento do fogo nos ceos", despois do último ataque combinado ruso contra varias rexións do país.

"Hoxe, os rusos novamente atacaron a nosa infraestrutura: todo o que garante a vida normal do noso pobo. Necesitamos máis protección e unha implementación máis rápida de todos os acordos de defensa, especialmente en defensa aérea, para privar de sentido a este terror aéreo (...) Un cesamento do fogo nos ceos é posible, e precisamente iso podería abrir o camiño a unha diplomacia real. Os Estados Unidos e Europa deben actuar para obrigar a Putin a deterse", sinalou o mandatario nunha mensaxe na rede social X.

O xefe de Estado ucraíno denunciou que a pasada noite Ucraína foi branco dun ataque combinado ruso con "máis de 50 mísiles e aproximadamente 500 drons de ataque".

Á falta do parte diario oficial da Forza Aérea ucraína, o mandatario dixo que os rusos lanzaron mísiles de cruceiro, drons Shahed e mísiles Kinzhal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade