Martí Cifuentes, adestrador do Hammarby: “Swedberg estivo moi preto de irse a Rusia en febreiro”
Por Zona mixta pasou Martí Cifuentes, adestrador do Hammarby de Suecia, anterior equipo de Williot Swedberg, primeira fichaxe do Celta para a vindeira tempada.
Salto de calidade
“Williot tivo unha progresión moi rápida nun ano. Hai un ano xogaba co equipo sub-17 e esta temporada xa tivo partidos moi completos. Sempre chama a atención que un rapaz de 17 anos xogue de titular en Primeira División. Se hai paciencia con el, o talento está aí”
Cun ollo posto nel desde hai tempo
“Dende o primeiro momento, Luís Campos e Juan Carlos Calero amosaron interese por Swedberg, tiñan moi claro que era o futbolista que querían”
“Hai un mes xogamos a final da Copa de Suecia e cónstame que ese día viñeron observadores de clubs importantes, de Italia, de Bélxica, de Holanda, ingleses… o director deportivo dicíame que había moito interese"
"Williot preguntoume a min polo Celta e o que lle fixo decidirse foi que lle amosou un proxecto moi serio e con moita confianza no que el pode conseguir”
“Swedberg estivo moi preto de marchar a Rusia en febreiro, houbo unha oferta formal, pero ao final as cousas ocorren por unha razón e o tempo acabou por darlles unha oportunidade mellor a todas as partes”