Todo Marrocos en "shock" pola morte do pequeno Rayan
O Gabinete Real informou do falecemento do neno nun comunicado, pouco despois das 21:30 horas deste sábado
Todo Marrocos está en estado de "shock" tras coñecer a morte do pequeno Rayan, o neno de 5 anos que pasou máis de cen horas atrapado no fondo dun pozo de 32 metros de profundidade. Poucos minutos despois de que ás 21:30 da noite do sábado sacaran o cadáver do pequeno do fondo do pozo, o Gabinete Real informou da morte de Rayan nun comunicado.
Segundo a nota, publicada pola axencia oficial marroquí MAP, o rei Mohamed VI mantivo unha conversa telefónica cos pais do pequeno, Jaled Aouran e Uassima Jarchichde, para darlles o pésame. O monarca expresoulles as súas condolencias "nesta dolorosa experiencia".
Esperanzas ata o último momento
Nada máis coñecerse a noticia da morte, as redes sociais enchéronse con fotos do pequeno e mensaxes de agarimo e pésame dirixidos á súa familia. O caso de Rayan mantivo a todo Marrocos e ao resto do mundo en ascuas.
Moita xente agardaba o "milagre" de poder sacar con vida o cativo malia as complicacións do dispositivo de rescate e o estado de saúde do neno, sen comida nin auga durante cinco días, pero co osíxeno que os efectivos tentaban fornecerlle en todo momento. As autoridades aínda non deron detalles sobre as circunstancias da morte do pequeno.
Un rescate delicado
O rescate de Raian resultou ser máis penoso do inicialmente previsto. O terreo arxiloso, especialmente fráxil, e as pedras atopadas no camiño retardaron a tarefa, ata o punto de que levou case catro días conseguir alcanzalo.
Fíxose escavando primeiro unha enorme brecha vertical de 32 metros de profundidade xunto ao pozo no outeiro onde se atopa a casa do pequeno. Unha vez alcanzada esa cota, á altura do fondo do buraco, procedeuse a picar un túnel horizontal ata a cavidade onde estaba Rayan.
Un equipo cunha padiola dirixíndose ao túnel axitou as esperanzas este sábado pola tarde, pero dúas horas despois aínda quedaban 80 centímetros para chegar, que ían ser escavados, avisaban os técnicos, con moito coidado para non crear derrubes na fase final.
Tras a saída dos efectivos coa padiola do neno todos exclamaban "Alá é grande" e cantaban o himno nacional no medio de aplausos. En canto se coñeceu a nova da súa morte, reinou de súpeto un silencio no lugar, mentres a xente ía abandonando a zona.
Solidariedade árabe
O caso de Rayan espertou desde o principio unha marea de solidariedade nas redes sociais. Artistas, políticos e deportistas de todo o mundo enviaron mensaxes de solidariedade coa familia do neno. Pero sobre todo, no mundo árabe, onde se seguiu con fervor todas as etapas da operación de rescate.