Marqueta salva o empate no derbi ourensán (1-1) cunha espectacular actuación
O porteiro do Ourense C. F. detívolle un penalti a Baselga, e fixo moitas intervencións de mérito diante dun Arenteiro máis necesitado
Os do Carballiño acumulan sete xornadas sen gañar e quedan a tiro do descenso
O derbi ourensán rematou cun empate, resultado que mantén ao Ourense Club de Fútbol preto dos postos de promoción de ascenso que pisou coa vitoria momentánea durante moitos minutos, e que deixa ao Arenteiro a tiro do descenso despois de sete partidos sen gañar.
Logo dun primeiro achegamento local cunha falta que marchou arriba, o Ourense CF adiantouse outra vez nun derbi cun golazo de Jairo Noriega. Chegou axiña, aos dez minutos, cun lanzamento desde a esquerda que non puido deter Diego García. Malia á mala serie de resultados, o Arenteiro non perdeu a concentración, e puxo cerco á portería dun Marqueta que segue en estado de graza, e que desbaratou os remates primeiro de Enol e despois de Iano. A grande oportunidade dos do Carballiño chegou no minuto 40 desta primeira metade, cando Baselga foi agarrado por Carmona e o árbitro asubiou penalti. Marqueta volveu aparecer ao rescate para desviar o lanzamento do propio Baselga, e así chegouse ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o equipo de Raúl Jardiel seguiu medrando, e creando ocasións de perigo, mentres o Ourense C. F. intentaba cazar o segundo a balón parado, como nun remate de Carbonell que parou Diego García na liña. Na outra área, Jordan remataba desde a frontal perdéndose o balón a córner, como preludio do tanto do empate. Sacou de banda Iano, e Enol regateou e disparou raso, lonxe do alcance de Marqueta.
O porteiro volveu aparecer de xeito espectacular para impedir a remontada local, nun remate a boca de xerro de Baselga. O Arenteiro deu todo o que tiña, e acabou cedendo terreo a un Ourense C. F. que seguía inquietando a balón parado, como nunha falta de Juanma Bravo que marchou a córner.
No tempo engadido, aínda volveu aparecer Marqueta para negarlle o gol outra vez a Baselga, e para asegurar un empate que deixa ao Ourense C. F. a un punto dos postos de promoción de ascenso. O Arenteiro segue sen gañar, acumula sete xornadas, e segue mirando de esguello uns postos de descenso que quedan a tres puntos.