Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marlaska, interrompido por apupos nun acto da Garda Civil en Baeza

Marlaska, interrompido por apupos nun acto da Garda Civil en Baeza

O ministro do Interior dixo estar "doído e rabioso" ao referirse aos dos axentes falecidos durante a persecución a unha narcolancha

Montero, de "accidente laboral" a "falecemento en acto de servizo"

O ministro do Interior intervén na xura de bandeira en Baeza (Europa Press/Manu)
G24.gal 13/05/2026 11:57 Última actualización 13/05/2026 14:20

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, foi interrompido por apupos durante a súa intervención durante a xura de bandeira dos integrantes da 131 promoción da Academia de Cabos e Gardas en Baeza (Xaén), cando trasladaba a as súas condolencias ás familias dos gardas civís falecidos durante a persecución a unha narcolancha en Huelva.

Foron ata oito segundos de asubíos e apupos que levaron á organización para chamar por megafonía a "gardar o respecto e a debida compostura, ás institucións e aos alumnos en formación".

"Comprendo, entendo, a vosa dor, a vosa rabia, nada, nada pode confesar, compensar, nada pode compensar a morte en acto de servizo de Germán e de Jerónimo", dixo o ministro.

Marlaska situou a loita contra o narcotráfico como unha "prioridade" do Goberno de España á vez que recoñeceu estar "rabioso" e "doído" pero non "impotente" polo ocorrido en Huelva. 

"Durante moitos anos fixemos fronte cos instrumentos legais ao terrorismo e ao narcotráfico, e seguirémolo facendo con todos os medios legais precisos", sinalou o ministro.

En declaracións posteriores aos xornalistas recalcou que comprende "absolutamente a rabia", posto que nada que se faga ou diga pode compensar a dor, aínda que tamén fixo un chamamento á "cordialidade entre todos, a non utilizar a ningunha das vítimas con fins políticos".

"O terrorismo, o narcotráfico, toda a delincuencia criminal organizada é unha ameaza aos valores democráticos e temos que estar unidos. Non sei cando foi ese día que nos botamos as vítimas á cara", sentenciou Grande-Marlaska, que criticou a quen no seu momento non fixeron "nada".

O titular de Interior asegurou que o ministerio si estivo representado "coas máis altas instancias" no funeral dos gardas civís en Huelva mentres el estaba no dispositivo da fin de semana polo hantavirus nas Canarias.

Grande-Marlaska recalcou o compromiso do Goberno na loita contra o narcotráfico como unha das "prioridades máximas a nivel nacional e a nivel internacional" ante unha ameaza de carácter global fronte á que se están emprendendo actuacións, actividades, operacións de todo tipo e a todos os niveis.

"O importante é estar todos xuntos e ter moi claro onde está a ameaza e como temos que enfrontala entre todos", reiterou o ministro, quen tamén espera o "rápido restablecemento" dos dous axentes feridos.

Respecto á suposta procura por parte da Policía portuguesa da narcolancha que motivou o accidente, dixo que se está "traballando ao respecto" e que a cooperación e a colaboración hispano-portuguesa é "directa e permanente" pola situación xeográfica de ambos os países.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade