Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marlaska, sobre o caso do número 2 da Policía: "Só dimitirei se a vítima cre que lle fallei"

Marlaska, sobre o caso do número 2 da Policía: "Só dimitirei se a vítima cre que lle fallei"

O ministro do Interior di que descoñecía ata onte a "grave" denuncia contra José Ángel González

Feijóo di que o Goberno protexeu e tapou o número dous da policía dimitido

A empresaria Hortensia María Herrero Chacón; o director adxunto operativo da Policía Nacional, José Ángel González; o director xeral da Policía, Francisco Pardo; o xefe superior de Policía da Comunidade Valenciana, Carlos Gajero, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; durante o acto de entrega da Bandeira de España á Xefatura Superior de Policía da Comunidade Valenciana, o 12 de febreiro de 2026, en Valencia (Europapress) A empresaria Hortensia María Herrero Chacón; o director adxunto operativo da Policía Nacional, José Ángel González; o director xeral da Policía, Francisco Pardo; o xefe superior de Policía da Comunidade Valenciana, Carlos Gajero, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; durante o acto de entrega da Bandeira de España á Xefatura Superior de Policía da Comunidade Valenciana, o 12 de febreiro de 2026, en Valencia (Europapress)
G24.gal 18/02/2026 09:38 Última actualización 18/02/2026 11:20

O ministerio do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este mércores que no seu departamento descoñecían ata onte os "graves" feitos denunciados sobre unha presunta agresión sexual cometida polo número dous da Policía José Ángel González.

De ter o "mínimo coñecemento" dunha "circunstancia desta gravidade", pediulle a súa renuncia, afirmou o ministro en declaracións nos corredores do Congreso.

Marlaska avanzou que, tras analizar a querela completa e despois da dimisión de González, tamén foi suspendido o comisario Óscar San Juan, persoa de máxima confianza do director adxunto operativo (DAO) e que segundo a denuncia coaccionou a denunciante. 

"Agora é o momento da xustiza e tamén de todo o apoio, evidentemente, á vítima", defendeu Marlaska antes de instar a non instrumentalizar politicamente os feitos.

Entre berros de dimisión, dimisión na bancada do grupo popular, o ministro do Interior rexeitou a petición de dimisión de PP e asegurou que só renunciará se a denunciante do número dous da Policía non se sentiu protexida ou entende que el lle fallou.

Marlaska respondeu así no Pleno do Congreso á deputada do PP Mirian Guardiola. "Da única persoa que poderei eu aceptar calquera crítica é da propia vítima", insistiu o ministro do Interior ante a insistencia da deputada en pedir a súa dimisión, á que secundaron con berros e golpes nos seus escanos os seu compañeiros de partido.

Marlaska recoñeceu que os feitos denunciados son "dunha gravidade absolutamente manifesta" e retou o PP para repetir fóra do hemiciclo as súas afirmacións de que el coñecía os feitos e non actuou, porque, advertiu, "verémonos noutras instancias".

"Os feitos denunciados pola vítima respecto ao antigo director adxunto operativo son de tal gravidade que coñecidos inmediatamente esixiuse a súa renuncia e, se non, a súa dimisión", insistiu o ministro, que advertiu de que non vai tolerar calumnias.

O titular de Interior explicou que este martes o avogado da vítima asegurou que o mantiñan en segredo "polas razóns que sexa", que non quixo entrar a valorar, e xustificou o seu descoñecemento dos feitos en que ningún sindicato de policía nin ningún medio de comunicación se fixo eco. 

Tras insistir en que os feitos son "absolutamente gravísimos", pediu ao PP que non xere "unha cortina" que poña en cuestión o compromiso da Policía Nacional e das Forzas e Corpos de Seguridade na loita contra calquera tipo de violencia cara ás mulleres.

Anteriormente, a deputada popular acusara a Marlaska de tapar os feitos e pedira reiteradamente a súa dimisión inmediata por respecto ás mulleres, ás vítimas de violencia de xénero, ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, á Policía Nacional e á Garda Civil. 

"Vostede ten que dimitir porque permitiu que un presunto violador dunha subordinada nunha vivenda do seu ministerio estea á fronte da Policía Nacional, o seu amigo, a súa man dereita, o seu brazo executor", espetoulle Guardiola, que cualificou ao ministro de "covarde". 

Tamén o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, pediu no Congreso a dimisión do ministro de Interior: "Dá náuseas velo a vostede sentado no banco azul, todo un ministro do Interior tapando unha presunta agresión sexual, unha violación", apuntou Tellado na sesión de control ao Goberno.

Nunha pregunta á vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, Tellado acusou o Goberno de ser uns "encubridores" de "presuntos delincuentes" e de podrecer "todo o que tocan". "Feminismo noxento o desta esquerda en contra de prohibir o burka, pero a favor de encubrir violacións dun mando policial", afirmou o número dous de Alberto Núñez Feijóo. 

Montero, pola súa banda, dixo que o Goberno o martes fixo "o que tiña que facer" e tamén Marlaska, quen "ante o coñecemento deste caso, pediu a dimisión" de González. "Tolerancia cero coa agresión ás mulleres", afirmou.

A investigación

O xulgado de violencia sobre a muller número 8 de Madrid citou para declarar o próximo 17 de marzo o xa exnúmero dous da Policía despois de incoar dilixencias previas e admitir a trámite unha querela nunha resolución na que o maxistrado afirma que os feitos "presentan características que fan presumir a posible existencia de delito/s de agresións sexuais cuxa instrución corresponde a este órgano xudicial".

Segundo informou este martes o avogado Jorge Piedrafita, que representa á denunciante, tamén citada o 17 de marzo, a resolución do maxistrado pide investigar tamén presuntos delitos de coaccións, lesións psíquicas e malversación.

A axente denuncia que o DAO da Policía, con quen mantivo no pasado unha "relación de afectividade", agrediuna sexualmente nunha vivenda oficial propiedade do Ministerio do Interior á que tivo presións para acudir en abril do ano pasado e estando de servizo, e despois foi coaccionada para que non denunciase os feitos.

A querela, que inclúe unha gravación de audio, subliña as "negativas inequívocas, claras e persistentes" da axente, alude á "violencia física" e á "intimidación ambiental", e denuncia a "situación de illamento, superioridade física e autoridade ambiental". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade