Marian Mouriño: "Os números dirán se Campos fixo un bo traballo"
Aclarou que o contrato con Rafa Benítez ten “unha ventá de saída” no segundo dos tres anos de duración
Marian Mouriño evitou este xoves, na súa primeira comparecencia ante os xornalistas como presidenta do RC Celta, confirmar se o portugués Luis Campos, quen compaxina o posto de asesor deportivo externo co de director deportivo do PSG, continuará no club galego ao finalizar a presente tempada.
“Estou satisfeita co seu traballo, fíxonos un equipo competitivo para conseguir os resultados que se esperan. Estamos a reorganizar e el está involucrado nesa reorganización”, comentou en conferencia de prensa.
Neste sentido, confesou que lle gustaría ter unha dirección deportiva “forte” e un director deportivo que estivese en Vigo para que traballase tanto co primeiro equipo como coa canteira, xa que agora Campos non vive na cidade nin viaxa co Celta como fai co PSG.
“Gustaríame estar máis acompañada”, admitiu Marian Mouriño, quen, con todo, ten claro que serán “os números” os que avalarán a etapa de Campos en Balaídos.
“A min convénceme o equipo que temos. De momento estou tranquila porque creo que se fixo unha boa xestión, pero isto é fútbol; son os números e os resultados os que dirán se se fixo unha boa tempada ou non”, subliñou.
Aclarou que o contrato con Rafa Benítez ten “unha ventá de saída” no segundo dos tres anos de duración, pero a súa idea é que o madrileño siga en Balaídos ata 2026.
Más dubidas deixou sobre a continuidade do coordinador deportivo Juan Carlos Calero, porque é un home vinculado a Campos, a pesar de que ela está contenta co seu traballo porque está “superimplicado co equipo e co club”.