"Defender as cláusulas de salvagarda debe ser unha liña vermella no acordo co Mercosur"
A conselleira do Medio Rural pide garantías para que os produtos procedentes de terceiros países cumpran as mesmas esixencias que os da Unión Europea
María José Gómez reunirase mañá cos gandeiros de Ourense e o venres abordará a cuestión no Consello Agrario
A conselleira do Medio Rural pide garantías para o sector agrogandeiro galego de cara a sinatura, o vindeiro sábado, do tratado de libre comercio entre Bruxelas e os países do Mercosur. María José Gómez recoñece que a situación se presenta "complicada" para o sector primario e reitera que así llo trasladou en múltimples ocasións ao Ministerio.
"Os diferentes conselleiros sempre esiximos ao ministro que houbera cláusulas de salvagarda e que non entrara en Galicia nin na Unión Europea ningún produto que non cumpra coas mesmas esixencias que lles esixen aos nosos agricultores e gandeiros", explicou este martes nunha entrevista no Bos días.
Segundo Gómez, "ten que haber unha postura clarísima por parte do Goberno de España de defender que se poñan en marcha cláusulas de salvagarda para garantir que calquera produto que entre de fóra cumpra coas mesmas condicións dos galegos; esa debe ser unha liña vermella".
María José Gómez asegura que os produtores da Unión Europea xogan "en desigualdade de condicións" porque teñen uns estándares de calidade "altísimos" e están sometidos a condicións que noutros países non se dan. Lembra, por exemplo, que hai produtos fitosanitarios que aquí están prohibidos e que si se usan en países de fóra.
A conselleira do Medio Rural avanza que a semana que vén abordarán este asunto na Conferencia Sectorial. Antes, mañá mesmo, Gómez reunirase cos gandeiros e produtores que permanecen concentrados en Ourense e o venres o asunto será analizado no Consello Agrario convocado pola Xunta.
"Hai un diálogo constante entre a consellería e as organizacións agrarias", asegura, "o noso obxectivo é defender o sector agrogandeiro galego, como xa fixemos noutras ocasións".
"Galicia necesita unha PAC forte que dea garantías e tranquilidade ao sector"
De cara a negociación da nova PAC, Gómez expresa a preocupación da Xunta ante unha proposta que podería recortar nun 25 % os fondos europeos outorgados a Galicia, arredor de 80 millóns anuais. "Galicia necesita dunha PAC forte, as condicións de Galicia son diferentes ás dos resto do estado".
A conselleira lembra que os titulares de Medio Rural de comunidades autónomas de diferentes cores políticas "fixemos unha fronte común e firmamos un manifesto para que o ministro o presente en Europa". Reclámanlle ao Goberno que loite por unha PAC que dea "estabilidade, garantías e tranquilidade ao sector agrogandeiro".
Preguntada polas medidas esixidas ao Ministerio para facer fronte á dermatose nodular contaxiosa, a Xunta pide medidas homoxéneas para todo o Estado: unha vacina que evite a propagación da enfermidade; eliminar esta doenza da categoría A, para evitar o sacrifico de todas as reses das cabanas afectadas e indemnizacións que sexan comúns a todos os territorios do estado".